- Tematica
Este mércores, 23 de febreiro, os cafés que se poñan nos bares e cafetarías de Ames irán acompañados de versos de Rosalía. Durante a xornada de hoxe repartíronse nos locais de hostalaría unhas tarxetas con versos rosalianos, previamente escollidos polo poeta amesán Carlos Negro. Café con verso busca difundir a obra, o pensamento e a figura de Rosalía ao tempo que se promove a hostalaría amesá. Ademais, o alumnado que é usuario da Rede municipal de comedores escolares xantará mañá caldo galego, que se enmarca dentro da iniciativa Caldo de Gloria.
Un ano máis, coincidindo co aniversario de Rosalía de Castro, o 23 de febreiro, o Concello de Ames quere renderlle homenaxe a unha das nosas escritoras máis universais e representativas, moi vinculada ademais ao noso concello dado que pasou parte da súa infancia, na Tarroeira, parroquia de Ortoño.
Deste xeito, ponse en marcha un ano máis a iniciativa Café con verso, que xurdiu no ano 2017 froito da colaboración entre o Concello de Ames e mailo poeta amesán Carlos Negro. Así, este mércores 23 de febreiro os cafés que se sirvan nos locais hostaleiros deste concello acompañaranse dunhas tarxetas con versos escolmados por Carlos Negro.
O concelleiro de Turismo, Manuel Lens, explica que “a través da iniciativa Café con verso trátase un ano máis de homenaxear a unhas das máis destacadas figuras das nosas letras, e vinculada ao noso concello tanto na súa vida como a través da súa maxistral obra. Os locais hostaleiros de Bertamiráns e do Milladoiro poderán entregar unha tarxeta con poemas rosalianos a todas aquelas persoas que tomen un café este mércores 23 de febreiro”.
Caldo de Gloria
Ademais, con motivo da celebración do Día de Rosalía o Concello de Ames organiza a actividade denominada Caldo de Gloria. Deste xeito, servirase na Rede municipal de comedores escolares o caldo que Rosalía de Castro describe no poema Miña casiña, meu lar de Follas Novas, e no que unha muller pobre conta como consegue, fronte ás adversidades que as rodean e ás súas propias penurias, facer un caldo de gloria. Con el non só logra alimentarse e sobrevivir: na súa humildade e ao pé do lume da lareira tamén é feliz.
Esta é unha iniciativa que puxo en marcha en 2017 a Fundación Rosalía de Castro e á que se uniu o Concello de Padrón. En 2018, ademais de Ames, sumouse o Concello de Brión. En 2019 sumouse tamén o Concello de Santiago de Compostela e en 2020 uniuse o Concello de Dodro. Deste xeito, nesta iniciativa participan os cinco Concellos que promoven a ruta As Pegadas de Rosalía. Para potenciar a participación activa nesta campaña nas redes sociais creáronse os hashtag #CaldodeGloria e #DíadeRosalía. Ademais na páxina web Rosalia.gal pódense descargar tódolos materiais e textos relacionados con esta iniciativa.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Caldo de gloria rosaliano en los comedores y café con versos de sobremesa"
La Voz de Galicia: "Rosalía resoará con forza no día do seu 185 aniversario"