- Tematica
Con motivo da celebración do Día de Rosalía o Concello de Ames volve a sumarse á iniciativa Café con verso para rendirlle homenaxe á escritora. Deste xeito, entre os días 22 e 26 de febreiro (ámbolos dous incluídos), repartiranse nos locais de hostalaría unhas tarxetas con versos rosalianos para difundir a súa obra, pensamento e figura. Por outra banda, tamén se propón, nesas mesmas datas, servir o caldo que a autora describe no poema Miña casiña, meu lar co galo da iniciativa Caldo de Gloria da Fundación Rosalía de Castro. Así, os establecementos que participen recibirán tamén manteis de papel nos que se plasme ese mesmo poema. Todas as cafeterías, bares e restaurantes de Ames que queiran unirse a calquera das dúas iniciativas poden facelo enviando este formulario ao enderezo electrónico turismo@concellodeames.gal.
O 23 de febreiro conmemórase, un ano máis, o día de Rosalía. Con motivo da celebración do aniversario dunha das escritoras máis universais de Galicia, a Concellaría de Turismo volve a poñer en marcha a iniciativa Café con verso, que xurdiu no ano 2017, froito da colaboración entre o Concello de Ames e mailo poeta amesán Carlos Negro. Así, todos os cafés que se sirvan nos locais hostaleiros do concello ao longo de toda a xornada irán acompañados dunha tarxeta con versos rosalianos, escollidos polo propio Negro.
Con esta iniciativa preténdese difundir a vida e obra da escritora, que ademais foi, durante unha etapa da súa infancia, veciña da Tarroeira, na parroquia de Ortoño. Por outra banda, incítase aos cidadáns amesáns a consumir na hostalaría local.
Caldo de gloria
Ademais, con motivo da celebración do Día de Rosalía o Concello de Ames organiza a actividade denominada Caldo de Gloria. Deste xeito, a hostalaría poderá tamén servir o caldo que a escritora describe no seu poema Miña casiña, meu lar de Follas Novas, e no que unha muller pobre conta como consegue, fronte ás adversidades que as rodean e ás súas propias penurias, facer un caldo de gloria. Con el non só logra alimentarse e sobrevivir: na súa humildade e ao pé do lume da lareira tamén é feliz. Así, os establecementos que participen recibirán tamén manteis de papel nos que se plasme ese mesmo poema.
Esta é unha iniciativa que puxo en marcha en 2017 a Fundación Rosalía de Castro e á que se uniu o Concello de Padrón. En 2018, ademais de Ames, sumouse o Concello de Brión. En 2019 sumouse tamén o Concello de Santiago de Compostela e en 2020 uniuse o Concello de Dodro. Deste xeito, esta iniciativa converteuse nunha actividade colectiva da que participaron os cinco Concellos que promoven a ruta As Pegadas de Rosalía. Para potenciar a participación activa nesta campaña nas redes sociais creáronse os hashtag #CaldodeGloria e #DíadeRosalía. Ademais, na páxina web Rosalia.gal pódense descargar tódolos materiais e textos relacionados con esta actividade.
Todos os locais que queiran participar en calquera das dúas actividades deben enviar a ficha de inscrición que se pode atopar premendo nesta ligazón ao correo electrónico turismo@concellodeames.gal, ata o vindeiro luns, 6 de febreiro.