Solapas principales

Ampla programación en Ames polo mes das Letras Galegas

Martes, 04 de mayo de 2021

Presentacións de libros, obradoiros, exposicións, espectáculos e concertos.  As concellarías de Cultura e de Normalización Lingüística programan este mes de maio toda unha xeira de actividades encamiñadas a valorizar as nosas letras e dar a coñecer a Xela Arias, a poeta homenaxeada este ano. 

A creadora, editora, tradutora e mestra Xela Arias estará presente en Ames a través de toda unha serie de actividades dirixidas a dar a coñecer a súa obra e a súa figura. A autora de “Denuncia do equilibrio”, Tigres como cabalos” e “Darío a diario” desenvolveu unha obra poética e literaria fora de convencionalismos e caracterizada por unha linguaxe urbana, vangardista e revolucionaria. É a quinta muller, incluída Rosalía de Castro, a quen se lle dedica o día das Letras Galegas, desde a súa instauración no ano 1963.

Exposicións sobre Xela Arias
As actividades inauguraranse o día 12, coa exposición “Xela Arias, desde nós en ti”. Trátase dunha intervención nos escaparates de distintos establecementos de Bertamiráns e do Milladoiro, que amosarán carteis, elaborados polo alumnado do IES de Bertamiráns, nos que se que recollen aspectos da vida, a obra e a época na que viviu a poeta sarriá. Esta exposición urbana amosarase até o 31 de maio. Outros traballos realizados tamén por alumnos e alumnas do mesmo instituto acadaron o 1º Premio no Concurso-exposición “Letras 2021” da Xunta de Galicia e poderán verse na Casa de Cultura de Bertamiráns do 16 ao 21 de maio.

Presentación de libros
As xa habituais presentación de libros que organiza a Biblioteca Municipal terán tamén a Xela Arias como protagonista este mes. O día 19, ás 20:oo horas o Pazo da Peregrina acollerá a presentación de “Intempestiva. Unha biografía (literaria) de Xela Arias” da filóloga e crítica literario, Montse Pena. O xoves, 20, no mesmo espazo e aá mesma gora presentaranse os poemarios gañadores do Certame de Poesía Erótica “Illas Sisargas”. Asistirán Charo Pita que acadou o primiero premio co “O cuarto de Jane e Laura R. Cuba que gañou un accesit con Rascamasseiras. O mércores 26, está prevista a presenza de Suso de Toro en Ames para presentar “Un señor elegante” a súa última novela.

Cómpre salientar que tamén neste mes de maio entregaranse os premios da XVIII edición do Certame Literairo de Ames. O acto terá lugar o día 21, ás 20:00 horas no pazo da Peregrina.

Obradoiros
Coa intención de achegar a figura da poeta homenaxeada aos máis cativos/as, as bibliotecas municipais preparan diversos obradoiros. O primeiro deles terá lugar o 21 de maio ás 17:30 na biblioteca de Milladoiro e está dirixido á rapazada de 3º a 6º de Primaria. O obradoiro leva por título “Quen dis que era Xela Arias?” e correrá a cargo de Xandobela. Desde o 3 ao 19 de maio está aberto o prazo para inscribirse.

O sábado, 29 de maio, ás 11:30, horas, na Biblioteca de Bertamiráns, terá lugar outro obradoiro “Creacontos, obradoiro de creación literaria”, a cargo de Andamiaxe. O prazo para inscribirse está aberto desde o 10 ao 27 de maio.

Concerto e espectáculo
Xa están na billeteira municipal os convites gratuítos para o espectáculo de narración oral “Ao redor de Xela Arias”. Raquel Queizás protagoniza esta contada que afonda na vida e na obra de Xela Arias. Terá lugar o 25 de maio, ás 17:30 horas na Casa de Cultura de Bertamiráns e poderán asistir todos e todas as maiores de 5 anos que o desexen.

Un concerto da Banda da Loba, que presentará “A fábrica de luz. Homenaxe a Xela Arias”, pechará, o xoves 27, ás 21.00 horas, na praza de Chavián de Bertamiráns as actividades do mes das letras en Ames.

As responsables políticas desta programación manifestan a súa satisfacción pola programación e a súa intención de seguir potenciando a lingua e a Cultura. A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín di que “Dende o noso concello queremos celebrar a obra e a figura de Xela Arias cunha ampla programación que inclúe varias propostas para públicos diversos, axeitadas ás limitacións que nos plantea a situación sanitaria actual. Deste xeito, as amesás e os amesáns poderemos celebrar o día grande da nosa lingua e da nosa cultura sen deixar de ter presente o importante que son os 364 días restantes do ano para traballar arreo a prol da nosa lingua”.

A concelleira de Cultura e responsable do servizo de bibliotecas, Natividade González gaba o feito de que este ano sexa unha muller a quen se lle dedique o día das Letras: “Este ano, as Letras Galegas teñen como anfitriona no seu día a unha das voces mais destacadas da poesía galega contemporánea, unha poesía considerada "singular, transgresora, sincera e comprometida. Desde o departamento de Cultura, e Biblioteca Municipal de Ames, e SNL están previstas diversas iniciativas para dar a coñecer a obra da autora homenaxeada , elaboración de recursos, presentación de libros, exposicións, música e o seu compromiso coa lingua, ao igual que a súa influencia na década dos 80, que marcou unha nova etapa, nos temas, no estilo e na forma”. A concelleira destaca tamén “a importancia de que sexa unha muller, aínda que está moi preto María Victoria Moreno, Xela Arias, é a quinta muller que homenaxeamos nos 58 anos da letras galegas”.

Os actos que abeiran ao día das Letras Galegas alongaranse durante todo o mes de maio.

 Novas relacionadas:

Lindeiros: "Ames programa un mes de Letras Galegas"

El Correo Gallego: "Obradoiros, literatura e son en lembranza de Xela Arias"

La Voz de Galicia: "A Banda da Loba ouvea por Xela"

cartaz da presentación da obra "Movendo os marcos do patriarcado"

Multimedia

  • cartaz