Solapas principales

Amplíase ata o 30 de outubro o prazo para presentar propostas ao proceso de Orzamentos Participativos 2020

Viernes, 09 de octubre de 2020

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Economía e Facenda e da Concellaría de Participación Veciñal, informa de que se amplía o prazo para presentar propostas ao proceso de Orzamentos Participativos 2020. Dita ampliación realízase debido ao atraso que houbo no inicio do curso escolar en secundaria. O próximo mércores, 14 de outubro, está prevista unha xuntanza coas directoras do IES de Ames (en Bertamiráns) e do IES do Milladoiro. O obxectivo é establecer unha toma de contacto e presentar a iniciativa para establecer as canles de información coa mocidade amesá. O Goberno municipal quere realizar un traballo conxunto cos centros educativos de secundaria, para dar a coñecer esta iniciativa e implicar á mocidade a que presente propostas. Tamén se iniciaron os contactos coas asociacións culturais, sociais, veciñais e  deportivas rexistradas en Ames, enviándolles a información e animándoas a participar nesta iniciativa. Presenta a túa proposta a través dun formulario web, por teléfono 674 805 085, enviando a ficha de propostas por correo electrónico ao enderezo opames2020@cidadania.coop, ou de xeito presencial.

A concelleira de economía e Facenda, Genma Otero indica que “o atraso que houbo no inicio do curso escolar en secundaria obrigounos a mudar as datas previstas para comezar a traballar coa mocidade nos centros educativos. Estivemos esperando a que os equipos directivos dos centros e mestres organizaran o comezo do curso e a que se incorporaran as mozas/os ás aulas. A próxima semana farase unha xuntanza nos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro para explicar dita iniciativa e implicar á mocidade a que presente as súas propostas antes do 30 de outubro”.

O próximo mércores, 14 de outubro, está prevista unha xuntanza coas directoras do IES de Ames (en Bertamiráns) e do IES do Milladoiro. A dita xuntanza acudirán a concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, e a técnica de mocidade, Pili Villaverde, xunto con persoal da empresa Cidadanía, que presta asistencia técnica nos Orzamentos Participativos 2020. O obxectivo é establecer unha toma de contacto e presentar a iniciativa para establecer as canles de información coa mocidade amesá. O Goberno municipal quere realizar un traballo conxunto cos centros educativos de secundaria, para dar a coñecer esta iniciativa e implicar á mocidade a que presente propostas.

Cómpre lembrar que nos últimos procesos foi a mocidade amesá a que escolleu facer dous anfiteatros no Milladoiro e Bertamiráns por valor de 50.000 euros. O do Milladoiro xa se inaugurouse este ano con diversas actividades dirixidas aos mozos e mozas, mentres que o anfiteatro de Bertamiráns construirase proximamente en Lapido. Ademais, os mozos e mozas elixiron como investimentos a execución de dous parques de calistenia; un en Lapido, preto de Bertamiráns, e outro na área deportiva do Milladoiro. Na execución dos parques de calistenia investíronse 41.922,14 euros. Este parques xa están sendo empregados pola mocidade amesá.

Ademais, iniciáronse os contactos coas asociacións culturais, sociais, veciñais e  deportivas rexistradas en Ames, enviándolles a información dos Orzamentos Participativos de 2020 e animándoas a participar nesta iniciativa.

Ámbitos nos que se poden presentar propostas
Para a execución dos Orzamentos Participativos 2020, destinaranse no Orzamento 2021 un total de 200.000 euros. As actuacións desenvolveranse ao longo do 2021 segundo as seguintes cantidades: 120.000 euros para investimentos no conxunto do rural; 40.000 euros para investimentos dirixidos á mocidade; 10.000 euros destinados a actividades ou programa dirixidos á mocidade, 10.000 euros destinados actividades ou programas dirixidos á muller; 10.000 euros destinados a actividades ou programas dirixidos á cultura; e 10.000 euros destinados a actividades ou programas dirixidos ao medio ambiente.

Deste xeito, este ano como novidade existen seis ámbitos ou partidas nos que se poden presentar propostas sen limitación algunha: rural; investimentos para a mocidade; programas para a mocidade; actividades ou programas dirixidos á muller; actividades ou programas dirixidos á cultura; actividades ou programas dirixidos ao medio ambiente. Outra das novidades é que as propostas para o rural deben integrar ás 11 parroquias do rural. As propostas presentadas para o rural deben recoller demandas e necesidades que se van executar en todas as parroquias.

Presentación de propostas e prazos
O prazo de presentación de propostas está aberto e finalizará o vindeiro 30 de outubro. Este ano debido á situación na que nos atopamos pola Covid19 existen ata catro métodos distintos para presentar propostas de xeito presencial e de forma telemática.

As propostas poden presentarse na plataforma en liña que o Concello habilitou para facilitar a entrega de propostas. Para acceder a dita plataforma on line hai que premer no banner que está colocado na cabeceira da web municipal. Tamén se poden presentar a través da ficha de propostas que hai que enviar por correo electrónico ao enderezo opames2020@cidadania.coop, chamando ao número de teléfono 674 805 085, ou entregalas nas dependencias municipais de xeito presencial.

Quen e como participar
Hai dous xeitos de participar: facendo propostas e votando as propostas. Calquera persoa, sen límite de idade, pode facer propostas de investimentos, actividades ou programas. Para votar as propostas hai que estar empadroado en Ames e ter os 16 anos cumpridos. No caso dos investimentos e actividades para a mocidade só poderán votar as persoas que teñan como máximo 30 anos cumpridos. Por mor das circunstancias excepcionais provocadas pola COVID-19, nesta edición de Orzamentos Participativos haberá posibilidade de participación presencial e telemática a través de distintas canles.

O concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, indica que  “unha vez finalizado o prazo de presentación de propostas, publicarase a listaxe definitiva daquelas que poidan ser viables para ser seleccionadas por voto electrónico a través dun enlace que estará habilitado na páxina web municipal. Tamén se habilitarán espazos de votación presencial. As propostas que acaden maior número de votos incorporaranse ao Orzamento Municipal para ser realizadas en 2021”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Amplían prazos para que os mozos aporten ós orzamentos amesáns 2020"

Cartel orzamentos participativos.