Solapas principales

A AMTIC do Milladoiro arrinca a súa programación cunha conversa sobre ciberseguridade este xoves 5

Lunes, 02 de mayo de 2022

Tras abrir as súas portas o pasado martes, a Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro, a AMTIC, comeza o seu programa de actividades para maio e xuño co coloquio “Neurohacking: a pandemia invisible”, unha proposta sobre ciberseguridade na que coñecer os riscos derivados do uso diario de Internet. Será este xoves 5 de maio na Casa da Cultura do Milladoiro, de 18:00 a 19:00 horas. A charla estará conducida polo experto Nacho Álvarez, formado en Investigación Privada e Criminoloxía e con experiencia na Secretaría do Estado de Seguridade ou en Telefónica. A entrada será libre e de balde ata completar aforo.

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este xoves 5 de maio a primeira das sete actividades programadas ao longo de maio e xuño pola AMTIC, a nova aula de informática municipal do Milladoiro. A seguridade na rede e as precaucións que podemos tomar para empregar Internet serán as protagonistas do coloquio “Neurohacking: a pandemia invisible”, que se desenvolverá de 18:00 a 19:00 horas.

A conversa estará dirixida polo experto en ciberseguridade Nacho Álvarez. O coruñés é diplomado en Investigación Privada e graduado en Criminoloxía, e está habilitado polo Ministerio do Interior como xefe, director e instrutor de Seguridade. Como parte da súa experiencia laboral neste ámbito, ten colaborado coa Secretaría de Estado de Seguridade, ademais de actuar no eido da ciberseguridade en empresas como SIA ou TelefónicaTech, onde traballa na actualidade.

O obxectivo central desta charla será que entendamos os riscos aos que nos enfrontamos a diario ao usar Internet, en especial en situacións nas que introducimos datos persoais e contrasinais, descargamos arquivos descoñecidos ou empregamos conexións non seguras. Para iso, Álvarez explicará cal é o contexto e o panorama actual da seguridade na rede, así como as técnicas máis comúns á hora de roubar información persoal. Deste xeito, mostrará xeitos de detectar enganos como o “phishing” e formas de protexernos.

A entrada para o coloquio “Neurohacking: a pandemia invisible” é de balde, e será libre ata que se complete o aforo. Para máis información sobre o evento ou a nova aula de informática do Milladoiro, a AMTIC, pódese enviar un correo ao enderezo informatica.milladoiro@concellodeames.gal, ou ben chamar ao teléfono 981 53 59 40.

Inscricións nas actividades formativas da AMTIC

Ademais desta conversa, a AMTIC do Milladoiro, dependente da Concellería de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, contará con seis propostas formativas en modalidade presencial e telemática. As actividades consisten en dous obradoiros presenciais de mecanografía para o público infantil e adulto, así como catro talleres en liña máis sobre o uso de LibreOffice Impress, Gimp, Inkscape ou os buscadores en liña.

Para inscribirse nestes obradoiros cómpre enviar esta ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal, ou ben asistir á Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación, situada na Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de Aula Aberta, de luns a venres, e de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Preme aquí para consultar a programación formativa da AMTIC ao completo.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Chegan ó Milladoiro os segredos da ciberseguridade"

A AMTIC do Milladoiro arrinca a súa programación cunha conversa sobre ciberseguridade este xoves 5

Multimedia

  • A AMTIC do Milladoiro arrinca a súa programación cunha conversa sobre ciberseguridade este xoves 5
  • Programación da AMTIC do Milladoiro