- Tematica
A Concellaría de Benestar Social e Promoción de Saúde pecha as súas andainas saudables polo Xiro dos Montes, na que é a súa terceira sesión do ano 2022. As persoas participantes percorrerán a parte final do circuíto o próximo sábado 26 de marzo, cruzando os montes de Santa Mariñas, o Gaiás e o Viso. Para inscribirse, cómpre enviar un correo ao enderezo promociondasaude@concellodeames.gal, ata o xoves 24 de marzo ás 14:00 horas. Haberá servizo de autobuses, que sairán ás 10:00 horas da praza do Concello, en Bertamiráns, e ás 10:15 horas da Casa da Cultura do Milladoiro.
As Andainas Saudables de Ames volven neste mes de marzo para completar o Xiro dos Montes de Compostela, unha ruta de 34 quilómetros dividida en oito etapas e que comezou a percorrerse a finais de 2021. Se no pasado mes de febreiro se realizaron a quinta e a sexta etapa, agora é a quenda das dúas últimas, que suman uns 5,4 quilómetros a través dos montes de Santa Mariñas, o Gaiás e o Viso.
As andainas saudables realízanse nas fins de semana e teñen lugar unha vez ao mes dende o pasado mes de setembro. Para este primeiro semestre de 2022 están programadas unhas seis saídas, que complementan ao programa semanal SaúdeAndo con percorridos máis esixentes.
A primeira parte da ruta do próximo sábado 26 consistirá na sétima etapa do Xiro dos Montes, que conecta ao monte de Santa Mariñas co Gaiás. O percorrido, duns 2,9 quilómetros, parte dende o miradoiro de Santas Mariñas para baixar cara ás Brañas do Sar. Posteriormente, pasarase pola Colexiata de Sar e seguirase a través do Bosque de Galicia, ata alcanza o cumio do monte Gaiás.
Dende o Gaiás, aos pés da Cidade da Cultura, arrincará a oitava e derradeira etapa, que chegará ata o monte Viso tras percorrer algo máis de 2,5 quilómetros. A ruta cruzará de volta o Bosque de Galicia, para pasar polos Espellos e polo parque do Lago, ata entrar na aldea do Viso, dende onde as persoas participantes subirán ata o miradoiro do monte acompañadas de figuras mitolóxicas como a Lamia, o Nubeiro ou o Urco, para atoparse a escultura de Breogán no cumio.
Inscricións e servizo de autobuses
Para facer posibles estas saídas, a Concellaría de Promoción de Saúde porá á disposición da veciñanza un servizo de autobuses, que partirá ás 10:00 horas da praza do Concello, en Bertamiráns, e ás 10:15 horas da Casa da Cultura do Milladoiro. Para participar, cómpre inscribirse previamente a través do enderezo electrónico promociondasaude@concellodeames.gal, comunicando os datos das persoas asistentes. O prazo para sumarse á actividade rematará o próximo xoves 24 de marzo, ás 14:00 horas. Nesta ocasión, a actividade está limitada a 70 prazas.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Anotaciones para ‘patear’ con salud Xiro dos Montes"