Solapas principales

Ao longo desta semana continúan as actividades de "Abril, mes do libro en Ames"

Martes, 20 de abril de 2021

Este venres, 23 de abril, celébrase o Día do Libro. Con este motivo, as bibliotecas municipais do Concello de Ames organizaron unha programación específica para este mes de abril que inclúe actividades pra nenos/as e adulto/as. Para esta semana hai programadas varias actividades: o xoves, 22 de abril, ás 20.00h, no Pazo da Peregrina, Tomas Guerrero presenta as súas obras en banda deseñada. O venres, 23 de abril, celebrarase o Día do Libro no Pazo da Peregrina con música, contacontos e obradoiros infantís. Tamén se fará entrega do premio do concurso de debuxo sobre o libro e a lectura. O sábado, 24 de abril, na biblioteca de Bertamiráns, realizarase o obradoiro Autores con pegada.

Ao longo deste mes as bibliotecas municipais organizan Abril, mes do libro en Ames, que é nome que recibe a campaña de animación á lectura coa que se celebra o mes de abril tan importante para o libro e a lectura, xa que o pasado día 5 celebrouse o Día do Libro Infantil e o vindeiro 23 será o Día do Libro. Trátase dunha completa programación dirixida tanto ao público adulto como ao infantil. Dentro das actividades propostas para os adultos destacan os Encontros literarios en Ames coas presentacións de autores como Carlos Negro, María López Sandez, Marilar Aleixandre, David Navarro e Tomas Guerrero.

Esta semana, o xoves día 22 ás 20.00 horas, no Pazo da Peregrina, será a quenda de Tomás Guerrero, que presentará as súas obras de banda deseñada. Tomás é animador 3D e ilustrador, contador de historias gráficas e traballa no sector da imaxe desde 1995 con distintas empresas nacionais e internacionais. Tomás Guerrero é autor das novelas gráficas: A deserción de Stalin; Tanta paz leves; e O neto do homem máis sábio.

Por outra banda, o sábado, 24 de abril, ás 11.30 horas, realizarase o obradoiro Autores con pegada, na biblioteca de Bertamiráns. Esta actividade está dirixida ao alumnado de 3º a 6º de educación primaria. Para participar en dito obradoiro hai que inscribirse previamente, do 12 ao 22 de abril, enviando un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal ou chamando aos números de teléfono 981 530 807 / 981 884 829.

Música e actividades para o 23 de abril
O venres, 23 de abril, celebrarase o Día do Libro no Pazo da Peregrina con música, contacontos e obradoiros infantís. As actividades comezarán ás 17.00 horas cun contacontos infantil realizado por Bea Campos. Ás 18.00 horas continuarase cuns obradoiros para nenos e nenas que durarán unha hora. Ás 19.00 horas, tamén no Pazo da Peregrina, entregarase o premio do concurso de debuxo sobre o libro e a lectura.

A xornada rematará ás 20.00 horas coa actuación musical infantil, Soñando inventei, a cargo de María Faltri e Jorge Juncal. Trátase dun espectáculo musical no que a través de cancións se traballa o tema da diversidade e a igualdade de xénero. As cancións que se interpretan forman parte do libro disco Fantasía coas palabras publicado pola editorial Galaxia.

Sorteo do Mes do Libro en Ames
Ademais, durante este mes de abril poderase participar no sorteo de bonos de libros nas librarías de Ames: Huargo Artis, Lenda e Máinomen, en Bertamiráns, e Nenos Nais e O Tinteiro, no Milladoiro. Poderán participar todas aquelas persoas que realicen compras de libros nas librarías participantes ata o 24 de abril. Por cada compra de libros, o establecemento entregará unha papeleta na que a persoa compradora anotará os seus datos persoais e de contacto (nome, apelidos, DNI, email e teléfono) e depositará nunha urna situada na libraría.

Non serán válidas as papeletas que non inclúan o nome e apelidos completos e algunha forma de contacto (teléfono e/ou email). A biblioteca sorteará oito premios de 25 euros por cada unha das librarías participantes, para canxear no mesmo establecemento ata o 8 de maio. Cada participante só poderá recibir un único premio. Consulta as bases de dito sorteo.

En caso de que a mesma persoa resulte agraciada no sorteo, máis dunha vez, non será válido e volverase repetir o sorteo para escoller unha nova persoa premiada. Entre os días 27 de abril e 7 de maio desde o servizo de Bibliotecas poñeranse en contacto coas persoas gañadoras para entregarlle o vale pola cantidade premiada.

Abril, Mes do Libro en Ames

Multimedia

  • Abril, Mes do Libro en Ames
  • Cartel da presentación de Tomás Guerrero
  • Cartel sobre o sorteo das librarías