Solapas principales

Apróbase a adxudicación das obras de acondicionamento da estrada de Vilar a Quintáns, na Ameixenda, por 120.516 euros

Jueves, 29 de diciembre de 2022

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado xoves, 15 de decembro, a adxudicación das obras de acondicionamento da estrada de Vilar a Quintáns (Ameixenda). As obras foron adxudicadas á empresa Martínez Montes e Hijos SL por un importe de 120.516 euros (IVE incluído). O proxecto forma parte do programa POS+ 2021 da Deputación da Coruña, e inclúe a mellora da capa de rodaxe e a construción de dous treitos de senda peonil.

O Concello de Ames continúa o seu investimento nas infraestruturas e nos viarios do rural, coa mellora da estrada que une O Vilar e Quintáns, situada na parroquia da Ameixenda. A Xunta de Goberno aprobou o xoves, 15 de decembro, a súa adxudicación á empresa Martínez Montes e Hijos SL, por un importe de 120.516 euros. A actuación servirá para mellorar a capa de rodaxe desta estrada, duns 810 metros de longo, e a construción de dous treitos de senda peonil á marxe da estrada.

Estas obras están orientadas á mellora da capa de rodaxe da estrada, que conta cun ancho medio de seis metros, e dunha superficie de abanicos e sobreanchuras, coa aplicación dun novo asfaltado, previa reparación de fochancas con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.

Ademais, proxéctase a construción de dous treitos de senda peonil, de 190 e 265 metros, e con anchuras medias de 1,50 e 1,80 metros, respectivamente, e que estarán formadas por unha capa de saburra e outra de pavimento de formigón. Baixo estas sendas instalarase unha canalización para a recollida das augas pluviais, coas súas correspondentes arquetas.

Por último, tamén se contempla a limpeza das gabias e a recuperación da súa sección, co fin de garantir o correcto funcionamento hidráulico e a drenaxe da estrada. As actuacións completaranse coa correspondente sinalización horizontal e vertical.

Esta última adxudicación súmase ás melloras dos viarios que o Concello de Ames vén realizando a través do proxecto POS+ 2021, da Deputación da Coruña, como a pavimentación da estrada de Eirapedriña, na parroquia de Bugallido, que foi adxudicada á empresa Vías e Servizos Compostela SL por un importe de 155.288,75 euros (IVE incluído).

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, sinalou que “estas obras, incluídas dentro do programa POS+ 2021 da Deputación, forman parte dun proxecto máis amplo de mellora da estrada que une O Mercuto, na Ameixenda, co Lombao, na parroquia de Covas, e que conta con varias fases”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Adxudican as obras de acondicionamento da estrada de Vilar a Quintáns"

A adxudicación do proxecto súmase a outras como a das obras en Eirapedriña, na parroquia de Bugallido

Multimedia

  • Apróbase a adxudicación das obras de acondicionamento da estrada de Vilar a Quintáns, na Ameixenda, por 120.516 euros
  • Apróbase a adxudicación das obras de acondicionamento da estrada de Vilar a Quintáns, na Ameixenda, por 120.516 euros