- Tematica
A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado xoves, 15 de decembro, a adxudicación das obras de acondicionamento da estrada de Eirapedriña, en Bugallido. As obras foron adxudicadas á empresa Vías e Servizos Compostela SL. por un importe de 155.288,75 euros (IVE incluído). O proxecto, incluído dentro do programa POS+ 2021 da Deputación da Coruña, engloba melloras en ata 1,7 quilómetros de capa de rodaxe, a ampliación da anchura do firme e a construción dunha senda peonil de 280 metros nun dos tramos.
Os accesos e a contorna do núcleo de Eirapedriña, na parroquia de Bugallido, súmanse ás recentes melloras nas infraestruturas do rural aprobadas polo Concello de Ames. A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación deste proxecto o xoves, 15 de decembro, á empresa Vías e Servizos Compostela SL, por un importe de 155.288,75 euros (IVE incluído).
A actuación inclúe reformas en 1.700 metros de estrada, dende o acceso a Framán ata o límite co concello de Brión. Na estrada principal, e ao longo dun treito de 950 metros ata o linde con Brión, procederase á mellora da pavimentación, cunha nova capa de asfalto e coa reparación de fochancas con grava e tratamento asfáltico. Nun tramo de 125 metros tamén se ampliará a estrada cun ancho medio de un metro.
Ademais, no extremo norte deste viario executarase unha senda peonil de 280 metros de lonxitude e 2,3 metros de anchura, construída con saburra e pavimento de formigón. Para a contención da senda será preciso construír un muro de pedra granítica nun treito de 90 metros, que disporá dunha varanda metálica para a seguridade peonil. A drenaxe da plataforma de formigón levarase a cabo coa canalización e instalación de arquetas con sumidoiros e colectores con reixa.
Pola súa banda, na zona sur da actuación, na maior parte dun treito de 750 metros no ramal de acceso ao lugar de Framán, realizarase unha nova mellora de capa de rodaxe, desta vez estendendo o selado e o tratamento asfáltico superficial a toda a plataforma, previa reparación de fochancas.
Nesta mesma zona, nos primeiros 80 metros dende o cruce coa estrada de Eirapedriña, ademais destas actuacións ampliarase o ancho da plataforma en 50 centímetros a cada marxe, cun paquete de firme composto por capas de saburra, grava, e tratamento asfáltico semiprofundo, superficial e de selado. Esta mesma combinación empregarase para acondicionar a parte final do acceso a Framán, que na actualidade conta cun pavimento granular.
Para rematar as obras, procederase á correspondente sinalización horizontal e vertical, á limpeza das gabias existentes, co fin de garantir a correcta drenaxe do viario, e á reposición de catro postes de formigón con luminaria.
O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destacou “o compromiso do Goberno municipal co rural amesán”, e manifestou que “vimos realizando importantes investimentos tanto en obras de pavimentación como na mellora dos servizos, facendo que os núcleos rurais sexan lugares atractivos para vivir”.