Solapas principales

Apróbase a adxudicación das obras de mellora na piscina municipal descuberta do Milladoiro por 76.804 euros

Sábado, 07 de enero de 2023

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado xoves, 29 de decembro, a adxudicación das obras de mellora da piscina municipal descuberta do Milladoiro. As obras foron adxudicadas á empresa Área Proyección, Construcción y Servicios, S.L.U. por un importe de 76.804,75 euros. A actuación forma parte do plan Ames Progresa 2021-2023 e inclúe a colocación dun novo valado, novo filtrado e depuracións, e a impermeabilización das piscinas. 

A piscina municipal do Milladoiro vai gozar dunha mellora no seu mantemento, que se verá facilitada pola colocación de novos materiais impermeables nos vasos das piscinas e as novas instalacións de filtrado e depuración. A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación deste proxecto, enmarcado dentro do plan Ames Progresa 2021-2023, o xoves 22 de decembro, á empresa Área Proyección, Construcción y Servicios, S.L.U, por un importe de 76.804,75 euros (IVE incluído).

Por unha parte, actuarase retirando o peche existente e colocando no seu lugar un novo valado formado por paneis de malla metálica duns dous metros de altura, que rodeará toda a parcela. Este cambio no espazo das instalacións irá acompañado dun novo pavimento no acceso oeste da piscina, preto dunha zona arborada, na que se nivelará o terreo e se colocarán baldosas de granito para crear unha entrada que respecte as normativas de accesibilidade.

Por outra banda, no que se refire ao propio funcionamento e estado das piscinas, melloraranse e repararanse as ferramentas de filtrado e depuración actuais. Primeiro, os filtros actuais baleiraranse de area, repararanse as súas paredes e contarán cun novo recheo de cristal filtrante de areas. Ademais, instalarase un equipo automático de clorado e sulfatado de auga, cun regulador de PH automático para a piscina e a auga potable dos vestiarios.

Ademais, os muros dos vasos das piscinas contarán cun novo revestimento que mellore a súa impermeabilidade. Para isto, instalarase un muro de superficie irregular de plaquetas cerámicas, composto de cementos especiais para favorecer a impermeabilización e o mantemento do estado da auga. As piscinas contarán tamén cun novo revestimento antiescorregadizo, resistente ao cloro e ás manchas. Por último, repasaranse as pezas do borde da piscina con pezas de formigón ou pedra, e substituiranse as deterioradas.

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “este proxecto supón unha importante mellora das instalacións da piscina municipal do Milladoiro, que é a piscina descuberta máis empregada de todo o concello, e enmárcase dentro do plan Ames Progresa”.

Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, fixo fincapé en que o investimento “é moi necesario, posto que leva sendo reclamado dende hai tempo por gran parte da cidadanía amesá, ao ser a piscina unha das instalacións deportivas que máis afluencia recibe durante os meses estivais”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Renovarán la depuración, aislamiento y cierres en la piscina de O Milladoiro"

Imaxe da piscina descuberta do Milladoiro

Multimedia

  • Apróbase a adxudicación das obras de mellora na piscina municipal descuberta do Milladoiro por 76.804 euros