- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o pasado 21 de marzo a adxudicación do proxecto de pavimentación de viarios no núcleo de Mourigade, pertencente á parroquia de Bugallido, por un importe de 167.635,28 euros. Dito proxecto, que está incluído no POS+ 2023, foi adxudicado á empresa Excavaciones y Obras Marcos SL. As actuacións que se van executar están encamiñadas á mellora da pavimentación do viario do núcleo de Mourigade, así como ao acondicionamento do seu acceso polo norte, que na actualidade conta cun firme de material granular.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, continúa o seu investimento nas infraestruturas das parroquias e dos núcleos do rural. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do proxecto de pavimentación de viarios no núcleo de Mourigade, pertencente á parroquia de Bugallido, por un importe de 167.635,28 euros. Dito proxecto, que está incluído no POS+ 2023, foi adxudicado á empresa Excavaciones y Obras Marcos SL.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “coa adxudicación desta obra na parroquia de Bugallido seguimos avanzando coas actuacións do POS+ 2023 e continuamos cos arranxos dos interiores de núcleos do rural. As actuacións que se van executar están encamiñadas á mellora da pavimentación do viario do núcleo de Mourigade, así como ao acondicionamento do seu acceso polo norte, que na actualidade conta cun firme de material granular”.
Creación dun espazo aberto e accesible para a veciñanza
Para o viario do núcleo proxéctase un novo pavimento composto por 15 centímetros de formigón HM – 20 con mallazo sobre 10 centímetros de zahorra, previa demolición do firme existente. En ámbalas marxes disporase unha franxa de lastra de granito de 35 centímetros de ancho e cortes transversais, de 35 centímetros de ancho.
O acceso principal ao núcleo realízase polo vento sur e atópase en dous niveis, o que orixina un espazo perigoso e pouco funcional. A solución que se proxecta pretende arranxar este problema e dotar ao núcleo dunha zona de convivencia do tráfico peonil e rodado, creando un espazo aberto e accesible para tódolos veciños.
Con este fin executarase o movemento de terras preciso para deixar todo o ámbito ao mesmo nivel e dotarase dun pavimento composto por 20 centímetros de zahorra e 15 centímetros de formigón HM – 20 con mallazo. En continuidade co resto do núcleo disporanse franxas no bordos e realizando cortes transversais de 35 centímetros de ancho con lastra de granito.
A nova rasante na entrada ao núcleo fai necesario tamén actuar sobre o viario no que entronca. Polo tanto, procederase á demolición do pavimento existente e á apertura da caixa necesaria para acoller o novo paquete de firme, que estará composto por 20 centímetros de zahorra, 15 centímetros de grava, tratamento asfáltico semiprofundo e 5 centímetros de mestura bituminosa en quente para capa de rodaxe.
Acondicionamento do novo acceso
Para acondicionar o novo acceso pavimentarase, previa apertura de caixa, un ancho de 4,50 metros da plataforma actual mediante 20 centímetros de con zahorra, 15 centímetros de grava, tratamento asfáltico semiprofundo, tratamento asfáltico superficial e rega de selado. A diferenza de cotas entre a rasante e os terreos lindeiros fai necesaria a execución dun muro de sostemento de pedras de granito de 70 metros de lonxitude e 1.00 metro de altura. Neste viario tamén se repoñerán as taxeas para o acceso ós predios lindeiros.
A rede de recollida de augas pluviais realizarase mediante canalización de polipropileno de 400 milímetros de diámetro, arquetas con sumidoiro, pozos de rexistro e canles de fundición dúctil na fronte dalgunhas vivendas. Para a rede de alumeado público disporase en toda a actuación unha canalización de poliproplieno de 90 milímetros de diámetro e arquetas prefabricadas. Finalmente contémplase a apertura de gabias e limpeza de salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal na viario de acceso, a limpeza de marxes no núcleo, a sinalización horizontal e a colocación dunha sinal de stop.