Solapas principales

Apróbase a imposición de penalidades á empresa Construcciones Vale SL polo atraso na execución das obras nos lugares de Ventosa e Paramuíño

Viernes, 09 de diciembre de 2022

A Xunta de Goberno Local celebrada hoxe 9 de decembro aprobou a resolución de dous expedientes de imposición de penalidades á empresa Construcciones Vale SL, por un importe total de 7.430,76 euros, polo atraso na execución das obras de mellora da pavimentación dos accesos de Ventosa (Covas) e dos interiores en Paramuíño (Biduído). Concédeselle un novo pazo de 15 días a dita empresa para rematar ambas obras, situando a data limite de finalización no 30 de decembro de 2022.

A obra de pavimentación no acceso ao lugar de Ventosa (Covas) foi adxudicada á empresa Construcciones Vales SL, na Xunta de Goberno Local do pasado 16 de setembro de 2021, por un importe de 78.173 euros. Este proxecto está incluído no Plan complementario do Plan Único de Concellos POS+ 2019. O contrato formalizouse o 8 de outubro de 2021 e a acta de replanteo asinouse o 8 de novembro de 2021.

Posteriormente, o 28 de abril deste ano a empresa contratista solicitou unha ampliación do prazo de execución ata o día 9 de xullo de 2022. Dita ampliación foi aprobada en Xunta de Goberno Local do 27 de maio de 2022. No mes de setembro deste ano emitiuse un informe no que se reflectía que a execución da obra era do 73,40%, polo que se iniciou un expediente de imposición de penalidades. No período de alegacións a empresa adxudicataria formulou alegacións nas que amosaba o seu compromiso de finalizar a obra.

Finalmente, estimáronse parcialmente as alegacións presentadas por Construcciones Vale SL e concédeselle ao contratista un novo prazo para rematar as obras de 15 días, situando a data limite de finalización no 30 de decembro de 2022. Ademais, impónselle unha penalidade de 3.953,52 euros por incumprimento dos prazos de execución establecidos no prego.

Mellora dos interiores en Paramuíño
Por outra banda, a obra de mellora da pavimentación dos camiños interiores do lugar de Paramuíño (Biduído) tamén foi adxudicado á empresa Construcciones Vales SL, na Xunta de Goberno Local do pasado 7 de outubro de 2021, por un importe de 68.749 euros. O contrato formalizouse o 13 de outubro de 2021, mentres que a acta de replanteo asinouse 8 de novembro de 2021.

Posteriormente, a empresa contratista solicitou unha ampliación do prazo de execución ata o día 9 de xullo de 2022. Dita ampliación tamén foi autorizada na Xunta de Goberno Local do 27 de maio de 2022 ampliando o prazo de execución ata o 9 de xullo deste ano. No mes de setembro emitiuse un informe no que constaba que a execución da obra era do 71,44%, polo que se iniciou un expediente de imposición de penalidades. Ao igual que no caso anterior durante o período de alegacións a empresa adxudicataria formulou alegacións nas que amosaba o seu compromiso de finalizar a obra.

Neste caso tamén se estiman parcialmente as alegacións presentadas por Construcciones Vale SL e concédeselle ao contratista un novo prazo para rematar as obras de 15 días, situando a data limite de finalización no 30 de decembro de 2022. Ademais, impónselle unha penalidade de 3.477,24 euros por incumprimento dos prazos de execución establecidos no prego.

O alcalde e concelleiro de Obras, Blas García, indica que “o Concello vai a estar vixilante para que se cumpran os contratos de execución de obras, xa que non podemos permitir que algunhas das empresas adxudicatarias, como é o caso de Construcciones Vale e outras ás que tamén se lles está tramitando expedientes de imposición de penalidades, non cumpran os prazos recollidos nos pregos, o cal está xerando un grave trastorno para a veciñanza dos núcleos onde se están realizando as obras. As empresas deben ser serias e cumprir os prazos que veñen estipulados nos contratos que asinan”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Impoñen penalidades e obrigan a rematar os accesos a Ventosa e Paramuíño"

Imaxe de arquivo do lugar de Paramuíño

Multimedia

  • Imaxe de arquivo do lugar de Paramuíño
  • Imaxe de arquivo do lugar de Ventosa
  • Imaxe de arquivo do lugar de Ventosa