Solapas principales

Apróbase a licenza para a construción de nove naves no parque empresarial do Milladoiro

Jueves, 19 de enero de 2023

A Xunta de Goberno Local concedeulle a Santiago Sur Galicia SL licenza de edificación de nove naves no parque empresarial do Milladoiro. Concretamente a parcela, que foi segregada previamente, está situada na intersección da rúa Oliveira coa rúa das Palmeiras. En total vanse edificar máis de 5.600 m2 de superficie. Unha obra que ascende a preto de 1.500.000 euros. O outorgamento desta licenza supón un novo impulso ao parque empresarial do Novo Milladoiro despois da concesión de licenza para a construción dun hotel de 82 habitacións.

O dinamismo urbanístico e empresarial do Milladoiro está en auxe. Proba disto son as licenzas concedidas ao longo de 2022 para realizar distintos proxectos neste núcleo do concello. No mes de decembro aprobouse a licenza de construción de nove naves no polígono do Novo Milladoiro. Un outorgamento que chega só dous meses despois da concesión da licenza para a construción dun hotel de 82 habitacións e tres meses despois da concedida para unha residencia privada de maiores na mesma localidade.

A Xunta de Goberno Local do pasado 30 decembro de 2021, concedeu a Santiago Sur Galicia SL licenza de segregación dunha parcela situada na intersección da rúa Oliveira coa rúa das Palmeiras. A parcela dunha superficie total de 7.735 metros cadrados dividiuse en 11 parcelas.

Posteriormente, en xullo de 2022 preséntase solicitude de licenza de obras para a construción de edificacións industriais nas parcelas de 1 a 11 localizadas na rúa Oliveira esquina con rúa das Palmeiras sita no parque empresarial do Milladoiro. Con todos os informes favorables, a Xunta de Goberno Local do pasado mes de novembro de 2022 concedeu licenza de obra para a construción de nove naves industriais. En total, as naves que terán unha altura máxima de 7 metros, ocuparán unha superficie de 5.676 metros cadrados. O orzamento do proxecto da obra de edificación das naves ascende a 1.463.000 euros.

Este feito permitirá a construción de nove naves industriais, coa consecuente implantación de novas iniciativas empresariais que poderán desenvolver neste importante espazo empresarial os seus distintos proxectos.

“A dinamización económica e o desenvolvemento de actividades produtivas que impulsen a economía local son unha prioridade para este equipo de goberno" afirmou o alcalde de Ames, Blas García. Neste senso, asegurou que "o outorgamento desta licenza vai a contribuír ao desenvolvemento e a implantación de novos proxectos empresariais que suporán un importante impulso económico para Ames”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Santiago Sur Galicia construirá nueve naves en el polígono Novo Milladoiro"

El Correo Gallego: "Santiago Sur vai edificar nove naves entre a rúa Oliveira e As Palmeiras"

Parcela do parque empresarial do Milladoiro onde se están construíndo 9 novas naves

Multimedia

  • Parcela do parque empresarial do Milladoiro onde se están construíndo 9 novas naves
  • Parcela do parque empresarial do Milladoiro onde se están construíndo 9 novas naves
  • Parcela do parque empresarial do Milladoiro onde se están construíndo 9 novas naves
  • Parcela do parque empresarial do Milladoiro onde se están construíndo 9 novas naves