Solapas principales

Apróbase a licitación da mellora da pavimentación do viario das Punxeiras, en Ortoño, por 175.000 euros

Lunes, 18 de julio de 2022

A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de licitación do asfaltado das vías de acceso e dos interiores do núcleo das Punxeiras, na parroquia de Ortoño. As obras, que contan cun orzamento base de 175.149 euros, forman parte do Plan Ames Progresa 2021-2023. O proxecto inclúe a mellora e a renovación das entradas ao núcleo dende A Tarroeira e a estrada DP-0205, así como dos treitos que discorren entre vivendas.

O núcleo das Punxeiras, situado na parroquia de Ortoño, gozará nos vindeiros meses dunha importante mellora no seu viario, continuando o investimento do Concello de Ames nas súas infraestruturas e no rural. Nesta ocasión, a Xunta de Goberno Local aprobou no mes de xuño unhas obras que contan cun orzamento inicial de 175.148,95 euros, e que servirán para reformar o asfaltado e o estado dos interiores e os accesos ás Punxeiras.

Mellora do acceso dende a estrada DP-0205

Polo miúdo, o proxecto dividirase en tres actuacións conxuntas, que se centrarán nos interiores do núcleo e os accesos ás Punxeiras dende A Tarroeira e a estrada DP-0205. Dende a intersección con esta vía ata a chegada do núcleo, ampliarase cada marxe lateral en 50 centímetros, arranxaranse as fochancas e disporase a mesma capa de rodaxe.

Ademais, ao longo da marxe norte e das vivendas da marxe sur, construirase unha cuneta de 1,5 metros de ancho, cuberta con pavimento de formigón. Tamén na marxe norte haberá que construír un muro de bloques de granito, co fin de salvar o desnivel existente na intersección coa estrada DP-0205. Este muro contará cunha varanda de aceiro inoxidable para facilitar o tránsito de peóns con seguridade.

Reformas nos interiores do núcleo das Punxeiras

Por outra banda, actuarase nos treitos que discorren entre as vivendas do núcleo, de 105 metros de lonxitude e cun ramal doutros 35 metros. Neste espazo demolerase o pavimento existente e aplicarase un novo de formigón, con franxas lonxitudinais nas marxes e cortes transversais en lastra de pedra de granito.

Actuacións no viario dende As Punxeiras á Tarroeira

En terceiro lugar, reformarase o viario que une A Tarroeira co núcleo das Punxeiras, arranxando as fochancas e aplicando unha nova mestura bituminosa sobre o tramo que se conserva na actualidade. Na marxe esquerda, ao longo de 150 metros, executarase unha senda para peóns que ocupará o espazo entre as vivendas, cunha capa de pavimento de formigón separada do carril para vehículos cunha cuneta. Por último, na marxe dereita, a continuación da senda, disporase dunha berma.

Drenaxe e sinalización

No seu conxunto, a drenaxe da vía realizarase mediante unha canalización de PVC e polipropeno, coa instalación de sumidoiros, pozos de rexistro e sete enlaces para a conexión das augas pluviais das vivendas do núcleo. Ademais, instalarase outro tubo de PVC como previsión ante unha futura instalación de alumeado público coa canalización soterrada. As actuacións completaranse coa sinalización horizontal e a colocación de dous sinais de stop.

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, dixo “seguimos avanzando co Plan Ames Progresa, nesta ocasión nunha actuación na parroquia de Ortoño, que vai a mellorar notablemente os accesos ao lugar de Punxeiras, xa que se vai a anchear a estrada que vai desde a senda da Condomiña, ademais de mellorar a seguridade viaria na zona”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Licítase a mellora do núcleo das Punxeiras, en Ortoño"

AMSGO!: "Licitada a mellora da pavimentación do viario das Punxeiras, en Ortoño, por 175.000 euros"

Apróbase a licitación da mellora da pavimentación do viario das Punxeiras, en Ortoño, por 175.000 euros

Multimedia

  • Apróbase a licitación da mellora da pavimentación do viario das Punxeiras, en Ortoño, por 175.000 euros
  • Apróbase a licitación da mellora da pavimentación do viario das Punxeiras, en Ortoño, por 175.000 euros
  • Apróbase a licitación da mellora da pavimentación do viario das Punxeiras, en Ortoño, por 175.000 euros
  • Apróbase a licitación da mellora da pavimentación do viario das Punxeiras, en Ortoño, por 175.000 euros
  • Apróbase a licitación da mellora da pavimentación do viario das Punxeiras, en Ortoño, por 175.000 euros
  • Apróbase a licitación da mellora da pavimentación do viario das Punxeiras, en Ortoño, por 175.000 euros