Solapas principales

Apróbase a licitación das obras de mellora dos accesos e interiores en Firmistáns, na parroquia de Bugallido

Martes, 16 de marzo de 2021

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de licitación das obras de mellora dos viarios de acceso e camiños interiores do lugar de Firmistáns, pertencente á parroquia de Bugallido. Este proxecto, que está sufragado con cargo ao POS+ 2020, ten un orzamento base de contratación que ascende a 166.668,24 euros. Na mellora dos viarios de acceso aplicarase aglomerado en quente e para a mellora dos camiños interiores empregarase formigón. Isto supón un maior custe dos materiais empregados, pero garante que ditos viarios e camiños queden en boas condicións durante un maior tempo.

A través deste proxecto vaise actuar nos viarios de acceso ao lugar de Firmistáns, na parroquia de Bugallido, compostos por 5 treitos de 180 metros, 40 metros, 360 metros, 105 metros e 85 metros con anchos medios de 4 metros para os tres primeiros e 5 metros para os dous restantes. Ademais, actuarase en 80 metros cadrados de sobreanchos. Para mellora de ditos viarios proponse a mellora da capa de rodaxe coa extensión de 5 centímetros de aglomerado en quente, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.

Para os viarios interiores, de 465 metros cadrados e 655 metros cadrados, proponse a demolición do pavimento actual e a formación dun novo con 15 centímetros de formigón delimitado por adoquín de pedra granítica todo elo sobre 10 centímetros de zahorra. Tamén se contempla a execución de catro treitos de cuneta transitable en formigón (180 metros, 50 metros, 105 metros e 85 metros) baixo os que se canalizará tubo de PVC para a recollida de pluviais.

Esta rede de pluviais tamén se executará baixo os pavimentos de formigón con 270 metros do mesmo tubo e 44 metros de PVC para as conexión das baixantes. Dita rede completarase coa colocación de 27 sumidoiros e 11 metros de caz con reixa. Tamén se proxecta a limpeza previa de cunetas e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal e o pintado das marcas viarios nos accesos aglomerados.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “no POS+ 2020 incrementáronse as partidas dos proxectos que se executan no rural, porque nas obras de mellora de interiores de aldeas vaise aplicar formigón e na mellora de camiños públicos optarase por aplicar aglomerado e non rego asfáltico. A mellora dos materiais empregados nos proxectos implica un maior custe, pero isto garante que ditos viarios e camiños queden en boas condicións durante un maior tempo”.

Novas relacionadas:

Lindeiros: "Ames licita melloras nos accesos e interiores en Firmistáns, na parroquia de Bugallido"

El Correo Gallego: "Hormigón casi eterno en la mejora de Firmistáns"

Firmistáns.

Multimedia

  • Firmistáns.
  • Firmistáns.