Solapas principales

Apróbase a licitación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Gasamáns, en Agrón

Viernes, 22 de septiembre de 2023

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar, o pasado 25 de agosto, o expediente de contratación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Gasamáns, na parroquia de Agrón. O orzamento base de licitación ascende a 137.135,22 euros (IVE incluído). As actuacións, que se enmarcan dentro do POS+2023, contemplan a mellora dos camiños interiores de dito núcleo e das vías de acceso. Deste xeito, aténdese a unha das demandas máis frecuentes da veciñanza.

O núcleo de Gasamáns, en Agrón, contará cunha renovación dos seus viarios interiores e de acceso. O proxecto vén de aprobarse na Xunta de Goberno Local celebrada o pasado 25 de agosto por importe de 137.135,22 euros (IVE incluído), e está incluído no programa POS+ 2023 da Deputación da Coruña.

As actuacións que se contemplan no proxecto están encamiñadas á mellora da pavimentación dos viarios do núcleo de Gasamáns, así como do seu acceso. Para os viarios do núcleo proxéctase un novo pavimento composto por 15 centímetros de formigón con mallazo sobre 10 centímetros de zahorra, previa demolición do firme existente. En ambas marxes disporase unha franxa de lastra de granito de 35 centímetros de ancho e cortes transversais, tamén de 35 centímetros de ancho.

Para o viario de acceso de 140 metros de lonxitude total e 3.30 metros de ancho medio, así como un abanico de 50 metros cadrados, preténdese a mellora da capa de rodaxe con 5 centímetros de mestura bituminosa en quente en toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes con 10 centímetros de grava e tratamento asfáltico semiprofundo.

Ao longo de 100 metros deste viario executarase unha cuneta transitable cun ancho medio de 1.50 metros. Empregarase un pavimento de formigón con mallazo de 15 centímetros de espesor sobre 20 centímetros de zahorra e un bordo de formigón prefabricado na marxe exterior.

A rede de recollida de augas pluviais realizarase mediante canalización de polipropileno de 400 milímetros de diámetro. Na cuneta transitable disporanse arquetas con sumidoiro e no núcleo empregaranse arquetas con sumidoiro, canles de fundición dúctil con reixa para protexer a entrada dalgunhas vivendas e pozos de rexistro.

Para a rede de alumeado público disporase en toda a actuación unha canalización de poliproplieno de 90 milímetros de diámetro e arquetas prefabricadas. Finalmente contémplase a apertura de gabias e limpeza de salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal no viario de acceso, a súa sinalización horizontal e a colocación dunha sinal de stop.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, sinala que “continuamos licitando diversas obras sufragadas con fondos do POS+2023 da Deputación. Neste caso renovaranse os viarios interiores e de acceso do núcleo de Gasamáns, na parroquia de Agrón. O obxectivo é ir renovando e facer un mantemento dos camiños interiores das aldeas do rural. Respondemos deste xeito a unha das demandas máis frecuentes da veciñanza”.

Plano do proxecto en Gasamáns

Multimedia

  • Plano do proxecto en Gasamáns
  • Plano do proxecto en Gasamáns
  • Plano do proxecto en Gasamáns