Solapas principales

Apróbase a licitación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Seares de Abaixo

Domingo, 15 de septiembre de 2024

A Xunta de Goberno Local aprobou este pasado xoves, 12 de setembro, a licitación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Seares de Abaixo, na parroquia de Ames, por 138.237,44 euros. Este proxecto, que se sufraga con cargo ao POS+ 2024, enmárcanse dentro do plan de arranxo dos interiores de núcleos do rural.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, continúa o seu investimento nas infraestruturas das parroquias e dos núcleos do rural. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación do proxecto de mellora dos viarios no núcleo de Seares de Abaixo, pertencente á parroquia de Ames. Esta obra está sufragada con cargo ao POS+ 2024. Recentemente tamén se inicio o expediente de licitación das obras da senda e pavimentación do lugar de Coira, en Biduído, tamén incluída dento do POS+ 2024.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “coa licitación desta obra na parroquia de Ames seguimos avanzando coas actuacións do POS+ 2024 e continuamos cos arranxos dos interiores de núcleos do rural. Deste xeito, aseguramos que as vías e os interiores dos núcleos estean correctamente acondicionados e que se mellore a súa funcionalidade e seguridade, tanto nas zonas urbanas como no rural”.

As actuacións que contempla o presente proxecto están encamiñadas á mellora da pavimentación do núcleo de Seares de Abaixo e dos seus viarios de acceso. Para o viario do núcleo proxéctase un novo pavimento composto por 15 centímetros de formigón HM-20 con mallado sobre zahorra para a súa nivelación, previa demolición do firme existente. En ambas as marxes disporase unha franxa de lastra de granito de 35 centímetros de ancho e cortes transversais, tamén de 35 centímetros de ancho.

Para os viarios de acceso ao núcleo proxéctase a reparación do pavimento con tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación das fochancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.

Baixo o novo pavimento de formigón prevese a canalización de 250 metros de tubo de polipropileno de 400 milímetros SN-8 coa instalación de 9 arquetas con sumidoiro de dimensións 50x30 centímetros, 7 pozos de rexistro, unha arqueta para colector con reixa e un total de 19 metros de canle de fundición dúctil con reixa clase D400, para a correcta recollida das augas pluviais. Tamén se procederá á canalización de rede de abastecemento mediante a colocación de 250 metros de tubo de polietileno de 75 milímetros e dúas válvulas de comporta, nas súas correspondentes arquetas.

Para a rede de iluminación pública disporase en toda a actuación unha canalización de polipropileno de 90 milímetros de diámetro coas súas correspondentes arquetas. Finalmente, contémplase a apertura de gabias e limpeza de salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal dos viarios así como a limpeza de bordes no interior do núcleo.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Licitan el nuevo pavimento para Seares de Abaixo en Ames y ultiman el del lugar de Coira"

Apróbase a licitación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Seares de Abaixo

Multimedia

  • Apróbase a licitación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Seares de Abaixo
  • Apróbase a licitación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Seares de Abaixo
  • Apróbase a licitación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Seares de Abaixo
  • Apróbase a licitación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Seares de Abaixo
  • Apróbase a licitación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Seares de Abaixo