Solapas principales

Apróbase a licitación das obras de pavimentación dos viarios do núcleo de Framil por 363.357 euros

Sábado, 15 de julio de 2023

A Xunta de Goberno Local de Ames vén de aprobar, o xoves 13 de xullo, o expediente de contratación das obras de pavimentación dos viarios do núcleo de Framil, así como un dos seus accesos, por importe de 363.357,59 euros. O proxecto forma parte do plan POS+2023.

Os veciños de Framil, en Biduído, gozarán dunha renovación da pavimentación das súas estradas, así como do interior do núcleo. A licitación das obras foi aprobada o 13 de xullo pola Xunta de Goberno Local. O proxecto sufragarase con cargo a Achega provincial de 2023 e dispón dun orzamento 363.357,59 euros.

As actuacións que contempla o proxecto están encamiñadas á mellora das pavimentacións dos viarios do núcleo de Framil, así como un dos seus accesos. Para os viarios do núcleo proxéctase a construción dun novo pavimento, composto por 15 centímetros de formigón con mallazo sobre 10 centímetros de zahorra, previa demolición do firme existente. Ademais, disporase, en ámbalas marxes, dunha franxa de lastra de granito, de 35 centímetros de ancho e cortes transversais.

Para o viario de acceso, de 110 metros de lonxitude e 3,20 metros de ancho, así como un abanico de 50 metros cadrados, preténdese a mellora da capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma. Previamente, repararanse as fochancas e perfilaranse as mordentes con 10 centímetros de grava e tratamento asfáltico semiprofundo.

Ao longo do viario executarase unha cuneta transitable cun ancho de 1,50 metros. Para iso, empregarase pavimento de formigón con mallazo de 15 centímetros de espesor sobre 20 centímetros de zahorra.

A rede de recollida de augas pluviais realizarase mediante canalización de PP de 400 milímetros de diámetro. Na cuneta transitable disporanse arquetas con sumidoiro, e, no núcleo, canles de función dúctil con reixa a todo o ancho do viario e pozos de rexistro.

Para a rede de alumeado público disporase en toda a actuación unha canalización de poliproplieno de 90 milímetros de diámetro e arquetas prefabricadas.

No núcleo empregarase un muro de perpiaños de pedra granítica de 20 metros de lonxitude como barreira de protección fronte á diferenza de cotas co terreo contiguo á estrada.

Finalmente, contémplase a apertura de gabias e a limpeza de salvagabias para o correcto drenaxe no viario de acceso, así como a colocación dunha sinal de STOP.

Esta actuación súmase á licitación doutras melloras que se aprobaron nos últimos meses noutros núcleos do rural amesán, como a das estradas de A Garea e Sandar, en Agrón; ou a do Lombao, en Covas.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “coa licitación desta obra en Framil seguimos avanzando coas actuacións do POS+ 2023 e continuamos cos arranxos dos interiores de núcleos do rural”. O concelleiro sinala tamén que “deste xeito, aseguramos que as vías e os interiores dos núcleos estean correctamente acondicionados e que se mellore a súa funcionalidade e seguridade, tanto nas zonas urbanas como no rural”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Xunta y Concello de Ames firman el acuerdo para la senda entre Milladoiro y la intermodal"

Imaxe do plano do proxecto nos interiores de Framil

Multimedia

  • Apróbase a licitación das obras de pavimentación dos viarios do núcleo de Framil por 363.357 euros
  • Apróbase a licitación das obras de pavimentación dos viarios do núcleo de Framil por 363.357 euros