- Tematica
A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 4 de marzo o expedinte de licitación das obras de reparación e mellora das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Este contrato ten un orzamento base de licitación de 114.677,41 euros e está sufragado con cargo ao POS+ 2020. O obxectivo é mellorar as instalacións destes dous centros socio culturais que acollen ao longo do ano numerosos espectáculos e eventos culturais e doutra índole.
Na Casa da Cultura do Milladoiro vaise dotar ao vestíbulo de entrada ao edificio dun novo alumeado. Aproveitarase para habilitar un alumeado que garanta a iluminación que é necesaria para esta zona e lle confira unha imaxe acorde coa edificación. No proxecto propóñense 3 sistemas de alumeado alternativos: un xeral a base de luminarias pendulares; un específico para exposicións e eventos que se poidan realizar neste vestíbulo, a base de proxectores orientables sobre carril electrificado; e un alumeado indirecto a base de tiras LED con posibilidade de modificar a cor da luz en función das necesidades, que estará disposto nun foseado realizado a tal efecto, no perímetro do vestíbulo.
Por outra banda, as varandas existentes na primeira planta do auditorio, non permiten ver, adecuadamente o escenario, e polo tanto os eventos e actuacións que se realizan neste auditorio. Dita varanda ten un espesor importante, que reduce considerablemente a zona de circulación existente e ao ser opaco, dificulta a visión. Debido a iso, vaise retirar dita varanda e colocar no seu lugar unha nova de vidro, sobre un perfil continuo en forma de “U”, de aliaxe de aluminio, acabado lacado, de 110 centímetros de altura, e con vidro laminar temperado formado por dúas lúas de 8 milímetros de espesor, unidas por dúas láminas incoloras de butiral de vinilo.
Por outra banda, vanse realizar melloras nos despachos existentes no edificio da Casa da Cultura do Milladoiro e na sala de usos múltiples. Colocaranse estores de 180 centímetros de altura para evitar o reflexo da luz nas pantallas dos ordenadores e facilitar o traballo do persoal municipal. Ademais, nas ventás dos despachos e da sala de usos múltiples que teñen unha lámina adhesiva de protección solar, eliminarase dita lámina, que está en mal estado, e colocarase no seu lugar unha lámina adhesiva transparente de control solar. Por último, pintaranse as paredes do edificio.
Melloras na Casa de Cultura de Bertamiráns
No caso da Casa de Cultura de Bertamiráns, preténdese levar a cabo varias actuacións, consistentes no cambio do alumeado do auditorio, das balizas das escaleiras, cadro de acendidos, proxectores LED de 13w e luminarias tipo regleta de luz suave de 58w. Ademais, vanse substituír todas as portas interiores por unhas novas. En todas estas portas colocarase o rótulo correspondente ao espazo ao que se accede.
No distribuidor da planta primeira, substituirase o pavimento por un novo de vinilo heteroxéneo de 2 milímetros de espesor. Tamén se substituirá o falso teito, o alumeado por luminarias de 60x60 centímetros LED e os rodapés. Nas escaleiras de acceso á primeira planta, substituirase o pavimento existente por un novo a base de pezas de gres porcelánico.
Por último, na zona de acceso lateral ao escenario do auditorio avise reorganizar o espazo executando as divisións precisas para ter un almacén, unha zona de acceso ao escenario e unha sala de lactancia, que contará cun cambiador para bebés. Dito cambiador tamén se instalará nas instalacións da Casa da Cultura do Milladoiro. Tamén se van pintar as zonas de vestíbulo da planta baixa, do distribuidor da planta primeira, así como da zona das escaleiras.
A concelleira de Cultura, Natividade González, explica que “é moi necesario mellorar as instalacións dos equipamentos culturais do concello. As Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro son empregadas para realizar moitos eventos culturais e doutra índole ao longo do ano, por iso é preciso, que na medida do posible, se vaian renovando ditas instalacións. No POS+ 2020 decidimos dedicar máis de 100.000 euros a reparar estas dúas instalacións municipais co obxectivo de que presten un mellor servizo á veciñanza de Ames. Teño que agradecer a colaboración da Deputación provincial da Coruña que sufraga estas obras a través do Plan de Obras e Servizos”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Aprueban la licitación de las mejoras en las dos casas de cultura de Ames"
Compostela 24horas: "Aprobadas as obras de reparación e mellora das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro"