Solapas principales

Apróbase a licitación das obras de reurbanización da Horta de Abaixo en Bertamiráns

Lunes, 25 de octubre de 2021

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de licitación das obras de reurbanización da Horta de Abaixo, dende a Travesía de Lodeiro á rúa Cómaro por valor de 281.080,08 euros (IVE incluído). As obras executaranse sobre as beirarrúas perimetrais da urbanización, os camiños e as ramplas entre as áreas estanciais da praza da Horta de Abaixo e os bloques de vivendas. Tamén se actuará nas zonas das pistas de baloncesto, nas zonas de xogos en chan, xogos infantís e xogos de maiores.

Faranse traballos de accesibilidade na Travesía de Lodeiro, na rúa Cómaro e na contorna do supermercado máis próximo.
As obras de reurbanización da Horta de Abaixo executaranse con cargo ao POS 2021, mediante procedemento aberto simplificado, tramitación ordinaria, e cun único criterio de adxudicación. O valor da adxudicación é de 232.297,59 euros, mais IVE, o que da un total de 281.080,08 euros.

Trátase de resolver as eivas derivadas dos asentos diferenciais da pavimentación e nas sendas interiores e beirarrúas perimetrais da urbanización "Horta de Abaixo", no núcleo de Bertamiráns. Ao mesmo tempo, aproveitase a actuación para repasar as instalacións urbanas, renovar o alumeado público, actualizar os usos e propoñer usos novos nas áreas estanciais do interior da urbanización e mellorar a accesibilidade dos percorridos peonís para conseguir que poidan acceder e descorrer por el todas as persoas sen discriminación.

Para o alcalde de Ames, Blas García, estas obras van a "significar unha mellora importante nesta urbanización, xa que por deficiencias de construción existen moitos problemas de mobilidade e acceso para os veciños e veciñas da zona", continúa dicindo que "se van a mellorar os espazos comúns públicos, como o parque infantil ou as zonas deportivas, e vaise a crear un espazo para a mocidade. Ademais de mellorar e cambiar todo o alumeado público"
 
Actuacións sobre beirarrúas
Procederase a reurbanización das beirrúas que circundan á urbanización, demoleranse as lastras de formigón, repoñeranse, onde sexa preciso, as instalacións urbanas incorporando saburra artificial. As mesma condicións de reurbanización aplicaranse aos camiños e ramplas entre as áreas estanciais interiores da praza da Horta. Aplicaranse labores de limpeza de pavimentos e muros e sanearanse as zonas axardinadas. Ademais resolveranse os cambios de niveis con pequenas ramplas que se refarcerán adaptándoas á normativa de accesibilidade.

Outras actuacións
Actuarase tamén sobre a pista de baloncesto e a zona de xogos en chan (xadrez e avión), onde se farán traballos de limpeza, tratamento da soleira e repintado das marcas de xogo. Na zona de xogos infantís renovaranse as baldosas de caucho anticaídas e perimetrarase o recinto cun valado axustado á normativa; ademais se substituirá o balancín e o bambán por unha cesta nova adaptada á normativa de inclusión.Habilitarase unha zona de xogos para persoas mairoes con dous aparatos (esquí e timón), arboledo e mobiliario adaptado, renovarase a soleira e colocarase unha nova varanda de pletina metálica que evite caídas. Crearase unha zona xuvenil WI Fi que se dotará dunha soleira de formigón e pavimento e pavimento de lousas de granito. Ademais se incorporará mobiliario, alumeado público e arboledo.

Accesibilidade
As obras adaptarán os espazos á normativa vixente sobre accesibilidade. Segundo os casos, reconstruiranse e redefiniranse os vaos que non respondan a esta normativa na Travesía Lodeiro e Rúa do Cómaro; reelaborarase a rampla e o ámbito infraurbanizado da contorna do supermercado; repintaranse os pasos de peóns; nas zonas que sexa necesario ampliaranse as beirarrúas; adaptaranse as posicións de varios elementos do mobiliario urbano. Ademais se resituarán os sinais de tráfico e información, de xeito que non estorben nin ocupen espazos destinados aos peóns.

Actuarase tamén sobre o sumidoiro que se sitúa no espazo de cruce peonil; instalaranse novas reixas de recollidas de augas pluviais; adaptaranse e repararanse pavimentos peonís en ámbitos que están estragados ou non son planos. Todas estas actuacións responden ao obxectivo de mellorar a accesibilidade no itinerario peonil.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Reurbanización y lavado de cara para el área residencial de Horta de Abaixo"

Compostela 24 Horas: "Apróbase a licitación das obras de reurbanización da Horta de Abaixo en Bertamiráns"

Horta de Abaixo

Multimedia

  • Horta de Abaixo
  • Horta de Abaixo
  • Horta de Abaixo