Solapas principales

Apróbase a licitación do contrato de mantemento de zonas verdes e axardinadas do Concello de Ames por máis de 1.500.000 euros

Jueves, 20 de abril de 2023

A Xunta de Goberno Local de Ames vén de aprobar, o pasado 23 de marzo, o expediente de licitación do contrato de mantemento de zonas verdes e axardinados do Concello de Ames por importe de 1.547.391 euros. O contrato reservado a centro especiais de emprego de iniciativa social ten unha duración de catro anos que se estenderán entre agosto de 2023 e xullo de 2027.

O mantemento dos parques e xardíns públicos é competencia do Concello de Ames. Son espazos cunha importancia ecolóxica e paisaxística que requiren un mantemento continuo de conservación para que as persoas usuarias desfruten dun entorno de calidade. Ademais, a falta de mantemento xera danos no material vexetal, nas instalacións e nas infraestruturas das zonas verdes e axardinadas.

Actualmente estes traballos desenvólvense de xeito esporádico en función das necesidades, polo que, a Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 23 de marzo o expediente de licitación para a contratación do servizo de mantemento de zonas verdes e axardinadas do Concello de Ames por preto de 1.547.391 euros.

Este contrato está reservado a centro especiais de emprego de iniciativa social e ten unha duración de catro anos. O servizo conta cun orzamento total de 1.547.391 euros que se abonará en catro anualidades. O prezo anual do contrato ascende a 319.708 euros, unha contía que se aboará en 2024, 2025 e 2026. En 2023 aboarase a parte proporcional aos meses de agosto a decembro que ascende a 161.186 euros. O mesmo acontece coa anualidade de 2027 que se corresponde cos meses de xaneiro a xullo e ascende a 225.661 euros.

O contrato inclúe a contratación de oito persoas: un xefe de servizo -enxeñeiro técnico agrónomo-, un encargado, tres xardineiros e tres peóns. En canto aos traballos a realizar, o servizo inclúe tarefas de control e supervisión dos sistemas de rego automatizado, segas, recorte de bordes, resembrado, fertilización, recorte de arbustos, plantación, poda de árbores, escarificado ou a limpeza das árbores.

Entre as zonas de actuación destacan a área de Tapia, a contorna das piscinas e da Casa da Cultura do Milladoiro, a área de estacionamento de autocaravanas, a praza de Manuel Murguía, a da Madalena, a de Correos, o polígono do Milladoiro ou o campo fútbol. En Bertamiráns entre os elementos a conservar atopamos a contorna da piscina da Telleira, o parque do Ameneiral, a praza de Chavián, a Casa da Cultura, a praza do Concello ou o Pazo da Peregrina.

Novas relacionadas:

Enfoques: "Ames destinará 1,5 millones al mantenimiento de zonas verdes"

El Correo Gallego: "Las zonas verdes de Ames tendrán mantenimiento regular y millonario"

Imaxe de arquivo do Pazo da Peregrina