Solapas principales

Apróbase a licitación do servizo de xestión do laboratorio amesán de produción audiovisual, o Ames AV Lab, por 59.416 euros

Sábado, 05 de agosto de 2023

A Xunta de Goberno Local de Ames vén de aprobar, o pasado 27 de xullo, o expediente de contratación do Servizo de Xestión, coordinación, asesoramento, comunicación e difusión do Laboratorio para o impulso da nova produción audiovisual dende o Concello de Ames (Ames AV Lab). Dito servizo licitarase por importe de 59.416,65 euros. O Ames AV Lab é un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais que busca impulsar a produción, fomentar o talento emerxente e dinamizar o importante tecido produtivo do sector audiovisual no concello.

O Ames AV Lab, o proxecto amesán que busca transformar e avanzar cara a nova produción audiovisual, adaptada ás tendencias e demandas do consumidor, contará cun Servizo de Xestión, coordinación, asesoramento, comunicación e difusión. A Xunta de Goberno Local aprobou a súa licitación por importe de 59.416,65 euros.

A provincia da Coruña, e, en concreto, Ames, presentan unha alta especialización no sector audiovisual. Existen grandes produtoras, empresas líderes en service, estudios de gravación líderes en tecnoloxías de carácter polivalente, empresas líderes en postprodución... O Concello, grazas ao apoio económico da Deputación da Coruña, puxo en marcha esta iniciativa, que se concibe como un laboratorio que tratará de apuntalar o talento que o audiovisual xa ten conformado, e axudará a crear unha nova xeración de persoas que traballen no sector con vocación innovadora.

Por outro lado, o proxecto busca avanzar cara un modelo de desenvolvemento sostible do audiovisual, aliñado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de igualdade de xénero, traballo decente e crecemento económico, a innovación, a dixitalización industrial e a redución das desigualdades.

As instalacións da Proa, no Milladoiro, serán empregadas como sede principal, e búscase ofrecer unha tecnoloxía innovadora que permita planificar a postprodución dende que os proxectos boten a andar, así como que sexa posible facer medicións de audiencia para coñecer as demandas do consumidor. O laboratorio busca tamén que todas as iniciativas que se creen na Proa traballen conxuntamente, de maneira que se creen sinerxias e medren os proxectos.

O alcalde de Ames, Blas García, indicou que “damos un paso máis de cara a posta en marcha do laboratorio amesán de produción audiovisual. Trátase dun proxecto moi importante no que se fai unha clara aposta polo audiovisual e pola formación de persoas neste ámbito”.

Ademais apuntou “somos un concello que aposta polo audiovisual e que ten importantes empresas do sector afincadas no municipio, no parque empresarial do Milladoiro, onde ademais temos o coworking ‘A Proa’, financiado e impulsado pola Deputación da Coruña, que está enfocado ao audiovisual e ao sector tecnolóxico e que nos vai a servir para, conxuntamente coas empresas tanto do concello como de fóra, para achegarlle a información que necesitarán aos proxectos”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "El laboratorio que impulsa el audiovisual y busca talentos desde Ames licita su gestión"

O Ames Lab contará cun Servizo de Xestión