Solapas principales

Apróbase a licitación para rematar o centro multifuncional do Milladoiro por 1.141.640,18 euros

Lunes, 30 de diciembre de 2024

Na Xunta de Goberno Local extraordinaria celebrada este luns, 30 de decembro, aprobouse o expediente de licitación, mediante procedemento aberto simplificado, tramitación anticipada, da obra de remate da construción do centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica no Milladoiro dirixido á mocidade e persoas en risco de exclusión social.

O remate do centro multifuncional do Milladoiro será licitado por máis de 1,1 millóns de euros. Así foi aprobado na Xunta de Goberno Local celebrada este luns, 30 de novembro de 2024. Estas obras teñen como finalidade o remate dunha infraestrutura que a anterior adxudicataria deixou ao 39,73% tras rescindírselle o contrato debido ao incumprimento dos prazos de execución marcados no mesmo.

O alcalde de Ames, Blas García explicou que "renunciar a este proxecto nunca foi unha opción, esta infraestrutura é clave para O Milladoiro en particular e para Ames en xeral. A zona onde se vai a construír este edificio vai a converterse no centro dos servizos e actividades de ocio, lecer e formación do Milladoiro".

Os traballos pendentes de execución resúmense no acondicionamento do terreo, cimentación e construción de estruturas, cerramentos e particións, illamentos e impermeabilizacións, revestimentos e falsos teitos, pavimentación, alicatados e chapados, carpintería de madeira e metálica, cerrallería, instalación dun ascensor, pinturas e tratamentos da madeira e urbanización da zona.

Prohibición de contratar co Concello de Ames
A anterior adxudicataria da obra non poderá contratar coa administración pública local nin presentarse a esta nova licitación despois de que se lle impuxese unha prohibición para contratar durante tres anos co Concello de Ames. Este acordo de prohibición para contratar foi declarado en firme pola vía administrativa na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local do día 14 de novembro de 2024.

A Xunta de Goberno aprobou previamente, o 23 de maio, a resolución do contrato para a execución das obras de construción do centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica do Milladoiro, e desestimou as alegacións presentadas o 28 de febreiro de 2024. Esta decisión foi avalada pola Sección de Ditames do Consello Consultivo de Galicia, que por unanimidade dos seus membros informou de xeito favorable a proposta de resolución de dito contrato.

Posteriormente aprobou a liquidación final do contrato de obras do centro multifuncional de ocio, cultura e promoción económica do Milladoiro, asinado entre a Corporación local e a empresa Citanias Obras y Servicios SL, na sesión ordinaria do 8 de agosto de 2024 debido ao incumprimento tanto dos prazos parciais como do prazo final do contrato.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames licita las obras para finalizar el centro multifuncional de O Milladoiro"

Apróbase a licitación para rematar o centro multifuncional do Milladoiro por 1.141.640,18 euros

Multimedia

  • Apróbase a licitación para rematar o centro multifuncional do Milladoiro por 1.141.640,18 euros
  • Apróbase a licitación para rematar o centro multifuncional do Milladoiro por 1.141.640,18 euros