- Tematica
A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 7 de febreiro o expediente de licitación do proxecto que recolle as obras de saneamento no lugar de Castelo, pertencente á parroquia de Ames, e que conta cun orzamento base de licitación de 33.192,78 euros. Este proxecto foi aprobado previamente, por unanimidade, no pleno ordinario do pasado mes de xaneiro. Esta actuación sufrágase cunha partida de fondos vinculada ao Ciclo integral da auga.
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de contratación, mediante procedemento aberto simplificado abreviado e un único criterio de adxudicación (factor prezo), das obras de rede de saneamento no lugar de Castelo, actuación vinculada ao Ciclo Integral da Auga. Deste xeito, convócase a súa licitación. Ademais, aprobouse o importe total do contrato que ascende a 33.162,78 euros (IVE incluído).
Este proxecto recolle a ampliación da liña de saneamento para unha serie de vivendas que se atopan na marxe esquerda da estrada que vai de Castelo cara Proupín. Deste xeito, vaise conectar pola parte traseira de ditas vivendas, mediante un sistema de impulso por bombeo, á rede xa existente.
Así, preténdese a execución dunha rede de saneamento con 28 metros de tubería. Instalaranse 3 pozos de rexistro en calzada e 3 arquetas de saneamento. Esta rede conducirase a un pozo de bombeo que disporá dun conxunto de dúas bombas iguais, unha delas de reserva, sendo cada unha delas una electrobomba somerxible, con impulsor monocanal, para achique de augas fecais con corpos en suspensión ou filamentosos, construída en aceiro inoxidable, cunha potencia de 0,75 kW.
Debido a escasa pendente da rede procederase ao formigonado da base. Ademais será necesario o reforzo da tubería con formigón e recrecido do camiño con zahorra na zona na que se instalará unha das arquetas. Dende o pozo de bombeo conducirase ata a rede municipal xa existente mediante unha tubería de impulsión. Posteriormente a instalación da tubería, procederase ao recheo e compactación do foxo. Unha vez instaladas as redes procederase a reposición dos pavimentos nas zonas necesarias.
No treito dende o novo pozo de bombeo e a estrada que vai cara o lugar de Lamas, procederase á regularización con zahorra e estendido de 15 centímetros de formigón no pavimento. No resto das zonas procederase a reposición do pavimento con 15 centímetros de zahorra a excepción da zona de recrecido onde se contempla un espesor medio de 50 centímetros.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “a través desta obra poderase dotar de saneamento a un grupo de vivendas do núcleo de Castelo que non dispoñían deste servizo. Deste xeito, o goberno municipal continúa dotando de saneamento a aquelas vivendas das aldeas nas que aínda non funciona, co obxectivo de mellorar os servizos que se ofrecen no rural amesán”.