Solapas principales

Apróbase o pagamento das axudas para a promoción do comercio local

Miércoles, 21 de agosto de 2019

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o pagamento dos 36.137,06 euros correspondentes á liña de subvencións para a promoción do comercio local, exercicios 2017-2018. A finalidade destas subvencións é a de favorecer a promoción e o desenvolvemento de actividades realizadas no seo das asociacións de comerciantes e profesionais do Concello de Ames, que estean legalmente constituídas e inscritas no rexistro municipal, subvencionándose aquelas accións non incluídas dentro da campañas de Nadal, para o cal xa existe unha subvención propia. As asociacións beneficiarias son a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, a Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro e a Asociación de comerciantes Palmira Bulevar.

Para a concesión das axudas tivéronse en conta dúas liñas de actuación. A primeira delas destínase a subvencionar as accións e proxectos destinados á promoción comercial de distinta índole sobre o mercado: publicidade, promoción de vendas, animación comercial, celebración de exposicións, congresos, e aquelas actividades destinadas a promoción de produtos comercializados polas empresas que desempeñan a súa actividade comercial no Concello de Ames, así como os gastos de contratación de persoal destinado a promover accións de promoción económica dentro do ámbito dos seus asociados.

A segunda liña de actuación vai dirixida a sufragar os gastos de infraestrutura e equipamento das asociacións (mellora de instalacións, adquisición de material mobiliario ou material funxible, software propio ou páxina web, etc.).
 
O montante total das subvencións concedidas ascende a 36.137,06 euros. Para a valoración das solicitudes tivéronse en conta aspectos como o número de socios de cada asociación, as campañas feitas en común ou o orzamento da actividade. Unha vez presentadas as xustificacións das subvencións por parte das entidades beneficiarias, a Xunta de Goberno Local acordou aprobar o pagamento de ditas contías.

Promoción do comercio local
Esta subvención pretende achegar o comercio local ao maior número de clientes, axudando aos colectivos asociativos á existencia dunha actividade estable de promoción e mellora do comercio.

A concelleira de Promoción Económica, Ana belén Paz, destaca que “o apoio a aquelas iniciativas que favorezan o desenvolvemento económico da vila e o impulso do tecido empresarial, favorece a creación de emprego e mellora a calidade de vida dos veciños e veciñas de Ames”.

Apróbase o pagamento das axudas para a promoción do comercio local