- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o pasado 30 de decembro de 2021 o pagamento de 28.763,04 euros, correspondentes á liña de subvencións para a promoción do comercio local, exercicio 2021. A finalidade destas subvencións é a de favorecer a promoción e o desenvolvemento de actividades realizadas no seo das asociacións de comerciantes e profesionais do Concello de Ames, que estean legalmente constituídas e inscritas no rexistro municipal. Deste xeito, concédense estas axudas para a promoción comercial e para infraestruturas. As asociacións beneficiarias son Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), a Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro e a Asociación de pequenos comerciantes Viorneira, Palmira Bulevar.
Para a concesión das axudas tivéronse en conta dúas liñas de actuación. A primeira delas destínase a subvencionar as accións e proxectos destinados á promoción comercial de distinta índole sobre o mercado: publicidade, promoción de vendas, animación comercial, celebración de exposicións, congresos, e aquelas actividades destinadas a promoción de produtos comercializados polas empresas que desempeñan a súa actividade comercial no Concello de Ames, así como os gastos de contratación de persoal destinado a promover accións de promoción económica dentro do ámbito dos seus asociados.
A segunda liña de actuación vai dirixida a sufragar os gastos de infraestrutura e equipamento das asociacións (mellora de instalacións, adquisición de material mobiliario ou material funxible, software propio ou páxina web, etc.).
O montante total das subvencións concedidas ascende a 28.763,04 euros. Para a valoración das solicitudes tivéronse en conta aspectos como o número de socios de cada asociación, as campañas feitas en común ou o orzamento da actividade. Unha vez presentadas as xustificacións das subvencións por parte das entidades beneficiarias, a Xunta de Goberno Local acordou aprobar o pagamento de ditas contías.
Deste xeito, a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) correspondéronlle 13.523,45 euros; a Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro obtivo 14.061,68 euros; e a Asociación de pequenos comerciantes Viorneira, Palmira Bulevar concedéronselle 1.177,91 euros.
Promoción do comercio local
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que “esta subvención pretende achegar o comercio local ao maior número de clientes, axudando aos colectivos asociativos á existencia dunha actividade estable de promoción e mellora do comercio. Ademais engade que “o apoio a aquelas iniciativas que favorezan o desenvolvemento económico da vila e o impulso do tecido empresarial, favorece a creación de emprego e mellora a calidade de vida dos veciños e veciñas de Ames”.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Acordan o pagamento de axudas ás patronais para promocionar o comercio"