Solapas principales

Apróbase a proposta de acordo para a adhesión do Concello de Ames á Rede de Entidades Locais para a implementación e desenvolvemento da Axenda 2030

Lunes, 02 de noviembre de 2020

A Corporación municipal aprobou por unanimidade no pleno ordinario de outubro o acordo para a adhesión do Concello de Ames á Rede de Entidades Locais para a implementación e desenvolvemento da Axenda 2030. O obxectivo deste proxecto é favorecer a coordinación de actuacións entre os Gobernos Locais para lograr o desenvolvemento sostible. Este pasado 21 de outubro celebrouse a Asemblea constitutiva onde se aprobaron entre outras cuestións os importes das cotas dos membros, as normas de funcionamento da rede e a composición do Consello de Goberno.

O 25 de setembro de 2015 a Asemblea de Nacións Unidas aprobou a resolución “Transformar o noso mundo: a Axenda 2030 para o Desenvolvemento” . O obxectivo deste proxecto é favorecer a coordinación de actuacións entre os Gobernos Locais para lograr o desenvolvemento sostible.

Dita declaración, vixente dende o 2016, presenta 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e 169 metas que propoñen adoptar unha serie de medidas para reconducir ao mundo polo camiño da sustentabilidade e a resiliencia, conxugando as tres dimensións do desenvolvemento sostible: económica, social e ambiental. As 5 grandes áreas temáticas de actuación son as persoas; o planeta; a prosperidade; a paz e as alianzas. A gran maioría de ODS e metas afectan ou forman parte das competencias e intereses dos Concellos, polo que o seu papel na implementación é esencial.

Desde o Concello de Ames xa se vén traballando na consecución dalgúns dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e agora, máis que nunca, faise necesario poñer en funcionamento todos os mecanismos necesarios que permitan avanzar na Implementación da Axenda 2030.

Aínda que na situación que estamos a vivir será difícil, a implementación da Axenda 2030 permite dotarnos de instrumentos para previr e mitigar os efectos de certas problemáticas e diminuír a nosa vulnerabilidade fronte a elas de modo que tanto os efectos da Covid-19 como de calquera outra catástrofe, poderían ser afrontados dunha mellor forma.

Algúns informes conclúen que a pobreza, a fame, a desigualdade e outros moitos aspectos que se perseguen minimizar ou eliminar coa consecución dos ODS, incrementan o risco de vulnerabilidade e contaxio polo que a implementación da Axenda fortaleceranos, sen ningunha dúbida, para abordar a reconstrución económica, social e ambiental do noso municipio e axudar en global.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, indica que “desde o noso Concello xa se vén traballando na consecución dalgúns dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e agora máis que nunca faise necesario poñer en funcionamento todos os mecanismos necesarios que nos permitan avanzar na implementación da Axenda 2030 e que aglutine baixo o mesmo paraugas os esforzos e traballos realizados desde as diferentes áreas de gobernanza. O noso Concello ten a suficiente entidade para poder levar a cabo un proxecto propio e avanzar nunha Axenda 2030 e na localización e implementación dos ODS. Trátase de traballar dende o ámbito local para avanzar a nivel global”.

Luísa Feijóo, tamén destaca que “adherirnos a esta rede vai favorecer a coordinación de actuacións entre os diferentes municipios e entidades supramunicipais adheridas permitíndonos alcanzar mellores resultados”.

Obxectivos da Rede
A Rede ten como obxectivos promover o coñecemento, sensibilización e implantación dos ODS da axenda 2030 nas Entidades Locais españolas, mediante o fortalecemento institucional e a implicación dos diferentes actores Locais; fortalecer e lexitimar o papel estratéxico que xogan as autoridades locais no desenvolvemento da Axenda 2030 en España, para conseguir a mellor incidencia política, promovendo o traballo en rede, na procura de alianzas que impulsen políticas de cohesión a nivel local,a unha adecuada articulación multinivel (central , autonómica e local) e multiactor, para a construción e implementación da Axenda 2030 a nivel local.

Outros obxectivos son actuar como foro de intercambio de experiencias entre os Gobernos Locais que integran a Rede; ofrecer servizos de asesoramento e asistencia para os seus membros,formación de técnicos e a mutua cooperación entre as autoridades das entidades Locais na localización dos ODS; traballar cos gobernos Locais liñas de actuación concretas, tras a crise da Covid-19 par dar resposta no territorio.

ODS