- Tematica
O prazo de inscrición para participar na carreira “Moitos camiños, mesma meta”, que se celebrará o vindeiro sábado 11 de marzo no parque verde central do Milladoiro (parque das piscinas), xa está aberto. Trátase dunha cita deportiva non competitiva e lúdica, incluída dentro da batería de actividades organizada polo Concello de Ames con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, o 8M. O obxectivo da proba, que dará comezo ás 11:30 horas, é reivindicar, a través dos doce obstáculos que se instalarán no circuíto, os distintos atrancos aos que se ven sometidas todas as mulleres no día a día. A inscrición, de balde, pode realizarse en liña premendo nesta ligazón, ou ben de forma presencial, nas oficinas dos Servizos Sociais do Concello, sitas no Milladoiro (rúa de Abaixo, número 10) e en Bertamiráns (praza de Chavián, s/n) ata o venres 10 ás 14:00 horas.
A deste ano 2023 é a terceira edición da carreira “Moitos camiños, mesma meta”, que logrou unha gran acollida en pasadas ocasións. Trátase dunha proba deportiva na que as persoas participantes deberán enfrontarse a doce obstáculos distintos ao longo de 1.500 metros, que se poden recorrer correndo ou andando. Non se trata dunha cita competitiva, senón dunha proba feminista que busca reivindicar as dificultades ás que se enfrontan todas as mulleres no seu día a día. Cada un dos atrancos simbolizará un reto distinto.
O recorrido poderase realizar de maneira individual ou con compañía, co fin de pasar un anaco lúdico. Ademais, búscase fomentar a participación do público familiar e propiciar o debate social sobre aspectos como a conciliación ou a corresponsabilidade.
No evento estará tamén presente a Plataforma Feminista de Ames, que preparará unha actividade musical para os e as participantes da carreira. Ademais, as súas representantes acudirán caracterizadas como algunhas das mulleres máis relevantes ao longo da historia.
A inscrición, de balde, pode realizarse en liña premendo nesta ligazón, ou ben de forma presencial, nas oficinas dos Servizos Sociais do Concello, sitas no Milladoiro (rúa de Abaixo, número 10) e en Bertamiráns (praza de Chavián, s/n) ata o venres 10 ás 14:00 horas. A recollida dos dorsais farase a partir das 10:45 horas o propio día de celebración da proba.
O programa do 8M ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.