Solapas principales

Arredor de 450 persoas participan na visita do Apalpador en Ames

Martes, 17 de diciembre de 2024

Arredor de 450 persoas reuníronse o pasado venres pola tarde na Casa da Cultura de Bertamiráns para recibir o Apalpador, que visitou Ames xunto ao Pandigueiro e a Banda da Montaña. Estiveron acompañados da música do Ce Orquestra Pantasma. A figura tradicional do Nadal galego, interpretada por Anxo Moure, agasallou á cativada con contos, cantos e cunha amizade de por vida. As nenas e nenos que visitaron ao Apalpador levaron consigo unhas pequenas árbores traídas da Serra do Courel, que deberán coidar falándolles e plantándoas nun bo lugar, para botar raíces fortes e medrar xuntos e xuntas.

O Apalpador, o Pandigueiro e a Banda da Montaña, colleron rumbo a Ames para engaiolar coas súas historias ás familias e aos nenos e nenas que asistiron ao encontro. A través destes contos, amosaron a súa preocupación pola lingua galega, por unha boa alimentación e polo coidado do medio natural. Nesa tentativa, as árbores constitúen un vehículo para construír a metáfora da vida e das raíces. Así, da mesma maneira na que as árbores enchen de vitalidade o noso planeta, a rapazada nutre ao galego para que bote raíces e medre de xeito saudable e natural.

Para reforzar este vínculo entre as crianzas, a natureza e a lingua, o Apalpador repartiu uns agasallos moi especiais á cativada que o foi visitar: unhas árbores autóctonas nadas na terra do Apalpador, a Serra do Courel, que as nenas e nenos deberán coidar e plantar nun bo lugar. As máis de 300 árbores que repartiu, entre as que se atopaban bidueiras, aciñeiras, sobreiras e acivros, foron acompañadas dun “carné de árbore”, para que a rapazada escriba e recorde o nome da árbore, o lugar e o día onde se plantou, e as cousas que lles contaron antes de seren plantadas na terra.

Á actividade asistiron arredor de 450 persoas, repartidas en dúas sesións e acompañadas da música do Ce Orquestra Pantasma. O contador Anxo Moure foi o encargado de interpretar ao Apalpador, como parte do seu proxecto cultural e medioambiental “Contos solidarios”, co que percorre Galicia, Asturias, Portugal e o Bierzo dende o ano 1989. Desta vez, veu acompañado do señor Pandigueiro e da Banda da Montaña, que se encargaron de amenizar as historias con música e baile.

Estes seres máxicos animaron as familias asistentes a despedir o ano abrazándose ás árbores e á lingua para conseguirmos un mundo máis xusto, máis colorido e máis diverso. A actividade forma parte do programa Apego, unha iniciativa colaborativa entre varios concellos, incluído Ames, dirixido ás familias que estean a esperar un novo membro na familia ou ás que teñan crianzas de ata 6 anos. O obxectivo é promover e normalizar o uso da lingua galega no ámbito familiar.

Arredor de 450 persoas participan na visita do Apalpador en Ames

Multimedia

  • Arredor de 450 persoas participan na visita do Apalpador en Ames