- Tematica
O pavillón de Bertamiráns acolleu neste martes de Entroido unha nova edición do cocido dos maiores de Ames, ao que asistiron aproximadamente 700 veciños e veciñas do noso concello. Deste xeito, os maiores de 65 anos de Ames puideron gozar dunha gran xornada festiva, con música a cargo do dúo Plan B e na que degustaron o tradicional cocido galego. Tras o xantar, realizouse a entrega de premios aos mellores disfraces e tamén un sorteo de varias cestas con produtos de Entroido entre todos os asistentes. Gran parte da Corporación municipal asistiu á festa.
Ames celebrou neste martes de Entroido a terceira edición do cocido dos maiores, unha festa que se recuperou no 2022 coa celebración no mes de xullo da tradicional festa dos maiores e que desde o 2023 se decidiu trasladar ao martes de Entroido.
Deste xeito, o pavillón municipal de Bertamiráns acolleu unha xornada festiva na que non faltaron os disfraces, este ano coa temática de cine, a boa música e, por suposto, o tradicional cocido galego destas datas de Entroido. Asistiron arredor de 700 persoas ao xantar, que deu comezo ás 14.00 horas coa entrada dos camareiros e camareiras repartindo o primeiro prato, sopa, e, de seguido, o cocido por todas as mesas.
Antes do comezo do xantar, o alcalde de Ames, Blas García, dedicou unhas palabras de agradecemento a todos os asistentes, “esta comida é de xustiza para as persoas maiores de Ames que levan traballando toda a vida e, polo menos unha vez ao ano, merecen que a Corporación municipal teña un detalle con elas. Este día é para que se xunten e gocen dun gran martes de Entroido”.
Tras a comida, a festa continuou ao longo da tarde con música a cargo do dúo musical Plan B para que os nosos maiores puideran xuntarse e gozar dunha xornada festiva chea de diversión. Uns clásicos coñecidos por todos e todas que fixeron bailar e cantar a todos/as os/as nosos/as maiores. Ademais, premiouse aos mellores disfraces co reparto de varias cestas con produtos de Entroido.
Para facilitar a asistencia dos maiores ao evento, o Concello de Ames habilitou un servizo de autobús que pasou polas parroquias para recoller ás persoas que así o solicitaron para, deste xeito, achegalas ata o pavillón de Bertamiráns. Ao final da festa tamén houbo servizo de autobús para regresar a casa.
Unha gran parte da Corporación municipal encabezada polo alcalde, Blas García, tamén participou na festa. Deste xeito, asistiron ao cocido dos maiores todos os membros do Goberno local xunto cos concelleiros do Partido Popular de Ames.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El Cocido dos Maiores de Ames reunió a 700 personas en el pabellón de Bertamiráns"
El Correo Gallego: "Centos de persoas desfrutan do cocido de Entroido para os maiores de Ames"
AMSGO!: "Arredor de 700 persoas asistiron neste martes de Entroido ao cocido dos maiores de Ames"