Solapas principales

Arredor de 75 persoas participaron nas camiñadas teatralizadas polo rego da Andoriña

Martes, 21 de noviembre de 2023

Unha das novidades na programación de outono da Aula da Natureza foron as camiñadas teatralizadas polo rego da Andoriña, “O segredo da andoriña”, que se realizaron os días 18 e 19 de novembro. Nestas actividades, a través das cales se pretendeu mostrar o valor histórico e paisaxístico das parroquias de Tapia e Piñeiro, participaron arredor de 75 persoas divididas en dous grupos. Estas andainas estaban previstas inicialmente para os días 21 de outubro e 12 de novembro, pero debido ás choivas das últimas semanas, houbo que adialas para esta pasada fin de semana que fixo bo tempo. Está previsto que estas andainas continúen durante os próximos meses polas rutas do Val dos Pasos, Fragas do Tambre, Riamontes, etc.

Co fin de achegar a todos os veciños e veciñas de Ames a posibilidade de gozar e coñecer as diferentes parroquias que conforman o concello, os departamentos de Medio Ambiente, Turismo e Promoción da Saúde puxeron en marcha para este outono un programa de camiñadas teatralizadas por rutas ambientais. A iniciativa desenvolveuse esta pasada fin de semana (o sábado 18 e mailo domingo 19) polo rego da Andoriña. Nestas dúas andainas participaron arredor de 75 persoas.  

O concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo, explica que “as camiñadas teatralizadas realizáronse co obxectivo de que todos os veciños e veciñas de Ames coñezan os roteiros do concello e a súa biodiversidade, así como a súa cultura a través das recreacións teatrais. Esta actividade enmárcase dentro da programación de outono da Aula da Natureza. Nas próximas programacións que se elaboren, vanse organizar novas rutas teatralizadas polo Val dos Pasos, Fragas do Tambre, Riamontes, etc”.

Camiñada pola ruta da Andoriña
Nestas dúas saídas, bautizadas como “O segredo da andoriña”, a veciñanza achegouse ás parroquias de Tapia e Piñeiro, onde, a través de diversas representacións, puido descubrir particularidades da natureza, a historia e o patrimonio de ámbolos dous lugares. Ao longo das camiñadas percorréronse recunchos como a fonte da Madalena, o rego da Andoriña, o Muíño do Crego, o castro de Piñeiro, o priorado de San Mamede... Todos eles foron o escenario no que se desenvolveron escenas con personaxes como menciñeiras, abades ou muiñeiros.

Deste xeito, durante a andaina fixéronse cinco paradas nas que interviron varios personaxes históricos para falar de historia e natureza. Na primeira parada unha menciñeira falou sobre a fonte da Madalena; na segunda un bandoleiro destacou a importancia de coidar o monte; na terceira o bandoleiro e máis un muiñeira falaron dos enganos e tratos que se facían no muíño do Crego; na cuarta parada recreouse unha escena de dona Urraca e dun monxe do priorado de San Mamede, mentres que na quinta e última parada recreouse unha escena do señor de Traba con dona Urraca.

A teatralización, o vestiario, o atrezzo e o guión desta camiñada correron a cargo de Os Quinquilláns, unha compañía con ampla experiencia en recreación histórica e patrimonial. Ademais, durante a camiñada falouse de varias especies que están protexidas e na aldea de Rúa fíxose unha parada para ver unha exposición de colmeas e participar nunha degustación de mel.

Arredor de 75 persoas participaron nas camiñadas teatralizadas polo rego da Andoriña

Multimedia

  • Arredor de 75 persoas participaron nas camiñadas teatralizadas polo rego da Andoriña
  • Arredor de 75 persoas participaron nas camiñadas teatralizadas polo rego da Andoriña
  • A teatralización, o vestiario, o atrezzo e o guión desta camiñada correron a cargo de Os Quinquilláns
  • A teatralización, o vestiario, o atrezzo e o guión desta camiñada correron a cargo de Os Quinquilláns
  • A teatralización, o vestiario, o atrezzo e o guión desta camiñada correron a cargo de Os Quinquilláns
  • A teatralización, o vestiario, o atrezzo e o guión desta camiñada correron a cargo de Os Quinquilláns
  • A teatralización, o vestiario, o atrezzo e o guión desta camiñada correron a cargo de Os Quinquilláns