Solapas principales

Arrinca o Delas Fest en Ames cun programa máis completo e diversificado

Miércoles, 02 de septiembre de 2020

O Delas Fest, primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa, estará por segundo ano en Ames. Entre o 3 e o 9 de setembro, a artista uruguaia Fitz Licuado pintará un mural na parte traseira da Casa da Cultura do Milladoiro. Ademais, o equipo de 7H Cooperativa Cultural, organizadores do evento, impartirá no parque de Correos, no Milladoiro, un obradoiro que leva por título “Arte urbana con spray”. Será o sábado 5 de setembro, entre as 11.00 e as 14.00 horas e entre as 16.00 e as 19.00 horas. Desenvolverase respectando todas as medidas hixiénico-sanitarias que marcan as autoridades debido á pandemia da Covid-19.

A zona exterior do pavillón do Milladoiro, onde o ano pasado a artista Btoy realizou un mural a partir dun retrato a gran tamaño da activista trans Verónika Arauzo, foi o lugar elixido para presentar esta mañá en Ames a segunda edición do Delas Fest. En dita presentación estiveron a concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo, a comisaria deste proxecto posto en marcha por 7H Cooperativa Cultural, Clara R. Cordeiro, e maila artista uruguaia, Fitz Licuado, que pintará un mural na parte traseira da Casa de Cultura do Milladoiro.

O DelasFest, o primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa, afronta a súa segunda edición estendendo a súa duración a catro semanas e incrementando o numero de concellos involucrados. En cada concello o Delas Fest realizará unha intervención artística e un obradoiro de creación. Entre o 24 de agosto e o 20 de setembro, diferentes espazos dos municipios de Teo, Ames, Santiago e Brión acollerán a nova edición do Delas Fest, un pioneiro proxecto organizado por 7H Cooperativa Cultural co obxectivo de democratizar a expresión artística na rúa e contribuír ao combate das desigualdades materiais e simbólicas que sofren as mulleres que crean no espazo público.

Esta segunda edición do Delas Fest é posible grazas ao éxito da campaña de mecenado na plataforma Goteo.org, na que se involucraron preto de 400 persoas, así como ao apoio dos concellos de Santiago, Ames, Teo e Brión; aos patrocinios de Cuarto Pexigo, Fundación Didac, Montana Colors, Gadis e Ibersa; e á colaboración da Cidade da Cultura. O Delas Fest non só repite na axenda da arte urbana galega senón que reforza a súa aposta pola xeración de espazos que favorezan a igualdade de xénero no sector cunha programación máis ambiciosa.

O festival, que neste 2020 estende a súa duración (de unha a catro semanas) e o número de municipios involucrados (de tres a catro) respecto á edición do pasado ano, presenta un programa de actividades composto por unha intervención artística e un obradoiro de creación en cada un dos concellos; encontros de convivencia entre colectivos, asociacións veciñais e artistas; e a xornada de análise e creación colectiva “Muller e Cultura Urbana” que, enmarcada no Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, ofrecerá sesións de faladoiros e debate, unha jam de improvisación pictórica con spray e un concerto.

Artistas convidadas
Neste festival apóstase por un cartel feminista composto integramente por mulleres especialistas en diferentes técnicas e estilos artísticos. As intervencións murais serán realizadas por Lidia Cao (Galiza) en Teo; Fitz Licuado, integrante do Colectivo Licuado (Uruguai), en Ames; Xoana Almar, compoñente de Cestola na Cachola (Galiza), en Compostela; e Susana Blasco (Aragón) en Brión.

En cada un destes municipios, do mesmo xeito que no I Delas Fest, as coordinadoras do festival promoverán o carácter contextual das pezas a través da organización de encontros entre as artistas e representantes do tecido social e veciñal, quen achegarán ás creadoras á historia e idiosincrasia de cada espazo a intervir co obxectivo de que o resultado final non resulte alleo nin á poboación nin ao contexto dos distintos territorios.

De forma paralela aos traballos murais, cada concello acollerá, ademais, un obradoiro de creación, que será impartido por Lupita Hard (Galiza) en Teo; o colectivo Dúo Amazonas, conformado por Natalia Andreoli (Arxentina) e Lina Castellanos (Colombia), en Santiago; e polo equipo de 7H Cooperativa Cultural en Ames e Brión.

Programación do Delas Fest en Ames
Na presentación desta mañá en Ames a comisaria deste proxecto posto en marcha por 7H Cooperativa Cultural, Clara R. Cordeiro, explicou que o Delas Fest “é un festival feminista de mulleres”. Tamén destacou que este ano “ampliouse o programa para darlle máis protagonismo aos concellos participantes. Deste xeito, o festival ten unha duración de catro semanas, dedicando unha semana a cada concello cunha das catro artistas convidadas. Neste caso, en Ames vai a participar Florencia Durán, coñecida como Fitz Licuado.

Clara R. Cordeiro tamén dixo que “esta semana tamén se vai a impartir un obradoiro de iniciación a arte urbana con espray para o cal xa están cubertas as 10 prazas ofertadas. Gustaríanos que participasen máis persoas, pero debido a situación sanitaria actual hai que cumprir as normas hixiénico-sanitarias, polo que non podemos dar cabida a máis mulleres. Esta é unha das novidades desta edición. O ano pasado fixéronse dous obradoiro en Santiago de Compostela e este ano impártense 4 obradoiros, un en cada un dos concellos participantes, para animar a mocidade e persoas adultas a participar no festival”.
 
A artista uruguaia, Florencia Durán, manifestou a súa ledicia por participar neste festival no que  se invitan a diferentes artistas femininas e organizado por e para mulleres. Florencia Durán explicou que non trae o bosquexo do mural pechado, se non que trae na cabeza unhas ideas básicas e que hoxe, despois de reunirse co grupo de Mulleres de Seu, de CLUN Cooperativas Lácteas Unidas, e traballar co persoal de 7H Cooperativa Cultural, xa terá unha idea máis clara do mural que elaborará a partir de mañá.

Aínda así a artista dixo que “gústame moito o concepto de cooperativismo en todas as súas vertentes. No meu pais trabállase moito o campo y veño dunha familia que traballa o campo. Paréceme moi boa idea que se lle dea protagonismo ao traballo que realizan Mulleres de Seo. A idea que teño é facer un mural no que se faga unha alegoría do concepto cooperativa”.

A concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo, destacou “o gran traballo que realiza o persoal de 7H Cooperativa Cultural coa organización deste evento que pon en valor o traballo das mulleres en algo tan que está tan masculinizado como pode ser o mundo do grafite. Todo o que sexa visibilizar o traballo das mulleres e darlle protagonismo en calquera ámbito é moi importante para conseguir unha igualdade real e efectiva. Quero darlle tamén as gracias a Florencia por achegarse ata o noso concellos y seguro que vai elaborar un mural fantástico no que vai plasmar todas as ideas que saía desa xuntanza con Mulleres de Seu”.

Luísa Feijóo rematou dicindo que “vendo a boa acollida que tivo o obradoiro de grafite quero convidar a 7H Cooperativa Cultural a que nos próximos meses se volva a organizar de xeito conxunto un obradoiro deste tipo en Ames, porque a arte do grafite é unha forma de embelecer aqueles muros de cemento que temos nos edificios do concello e darlle un pouco máis de cor a Ames”.

Imaxe da presentación do Delas Fest en Ames

Multimedia

  • Imaxe da presentación do Delas Fest en Ames
  • Cartel do Delas Fest 2020