Solapas principales

Arrinca a XI edición do Club de Debate en Ames cunha xornada de formación en habilidades comunicativas

Sábado, 11 de marzo de 2023

Este martes, 7 de marzo, púxose en marcha a XI edición do Club de Debate en Ames, cunha xornada de formación da que formou parte o alumnado participante de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato dos institutos de Bertamiráns, do Milladoiro e de Rois. Este ano presentáronse ao certame 1 equipo do IES do Milladoiro e 2 do IES de Ames. En dita xornada impartíronse nocións para orientar a práctica de habilitades comunicativas co fin de activar, motivar e ofrecer recursos para mellorar as intervencións orais públicas. 

O Club de Debate é un proxecto de dinamización lingüística dirixido á mocidade no que participan varios concellos galegos en colaboración cos centros de ensino secundario. Con esta iniciativa preténdese favorecer o uso do galego oral en contextos formais, como son os propios debates, e informais, tendo en conta a convivencia que se xera. Os contidos que se traballan principalmente teñen que ver coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación sobre os temas de debate.

Os concellos que organizan esta edición son nove: Ames, Teo, Carballo, Santa Comba, Val do Dubra, Santiago de Compostela, Ferrol, Pontevedra e Rois. En total, participan 150 alumnos, en equipos mixtos formados por rapaces e rapazas de 3º e 4º da ESO, 1º de Bacharelato e ciclos formativos, dirixidos por 30 docentes. Nesta edición, Ames conta cunha representación de 3 equipos (1 grupo do IES do Milladoiro e 2 grupos do IES de Ames).

O Club de Debate consiste nun torneo por equipos, organizado como unha competición deportiva na que os debates se producen dous a dous. Todos os equipos teñen que preparar e defender dúas posicións respecto ao tema proposto (a favor e en contra).

Nesta edición, as fases preliminares para pasar á final terán lugar en Teo, os días 21 e 24 de abril. O tema de debate de ditas xornadas de debate será “As redes sociais fannos máis sociais”. De cada fase de clasificación pasarán 3 equipos á final. O equipo clasificado en primeiro lugar recibirá 500 euros e o segundo clasificado será galardoado con 300 euros. A fase final celebrarase na Casa da Cultura de Bertamiráns o sábado 3 de xuño. Os gañadores levarán como premio unha viaxe en grupo.

Xornada de formación
Durante a xornada de formación, os rapaces e rapazas de Ames e Rois coñeceron o regulamento do Club de Debate 2023 e recibiron nocións e consellos básicos sobre as habilidades comunicativas precisas para o desenvolvemento fluído das intervencións. Tamén se lles instruíu sobre a procura de información e documentación para o debate e sobre a estruturación do argumentario. Por último, participaron nun simulacro de debate.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, mostrou a súa satisfacción por contar un ano máis con representación amesá no Club de Debate, e sinalou que “animo a todos os rapaces e rapazas que van formar parte do certame a que gocen da experiencia e aproveiten para mellorar as súas habilidades comunicativas en galego”. Así mesmo, sinalou que se trata dunha iniciativa que “lles vai resultar de grande utilidade ao longo da súa formación académica e unha vez que se incorporen ao mundo laboral”.

Imaxe de grupos dos participantes na xornada formativa

Multimedia

  • Arrinca a XI edición do Club de Debate en Ames cunha xornada de formación en habilidades comunicativas
  • Arrinca a XI edición do Club de Debate en Ames cunha xornada de formación en habilidades comunicativas
  • Arrinca a XI edición do Club de Debate en Ames cunha xornada de formación en habilidades comunicativas
  • Arrinca a XI edición do Club de Debate en Ames cunha xornada de formación en habilidades comunicativas
  • Arrinca a XI edición do Club de Debate en Ames cunha xornada de formación en habilidades comunicativas