Solapas principales

Asínase o contrato do proxecto de construción dos novos vestiarios do campo de fútbol do Milladoiro

Lunes, 15 de febrero de 2021

A semana pasada asinouse o contrato do proxecto de construción dos novos vestiarios do campo de fútbol do Milladoiro. No acto de sinatura participaron o alcalde de Ames, Jose Miñones, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, e representantes da empresa adxudicataria do proxecto, Obras Gallaecia SL. Dito proxecto foi adxudicado por un importe de 76.244,28 euros (IVE incluído), que se sufragarán con cargo ao POS Adicional 1/2019. Os novos vestiarios estarán situados baixo as gradas do campo de fútbol. Dita actuación enmárcase dentro do proxecto de construción de gradas e novos vestiarios para esta instalación deportiva.

Os vestiarios construiranse baixo as gradas do campo de fútbol do Milladoiro, que foran sufragadas con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación e inauguradas no ano 2017, coincidindo coa celebración do XXXVI Trofeo de Fútbol Concello de Ames. As novas obras dos vestiarios executaranse sobre unha superficie de 141.43 metros cadrados e contarán con tres puntos de acceso: un para que os xogadores/as e o/a arbitro accedan aos vestiarios, outro para entrar no terreo de xogo e un terceiro para pasar directamente ás gradas.

Na actualidade, os espazos baleiros que quedan debaixo das gradas dedícanse a almacén. Nestes espazos é onde se van a construír catro vestiarios e dúas zonas de duchas compartidas entre os vestiarios existentes. Para iso, previamente, haberá que dotar de rede de abastecemento de auga e saneamento, así como de electricidade a ditas gradas. Os novos vestiarios estarán situados nun lateral do campo de fútbol e sumáranse aos xa existentes que se atopan na zona de entrada ao campo.

As obras encádranse dentro do plan de mellora das instalacións deportivas do Concello de Ames. Estas obras responden a un compromiso adquirido polo Goberno municipal co Milladoiro Sociedade Deportiva. Nunha primeira fase construíronse as gradas cubertas e agora executaranse os vestiarios. Nestas dúas actuacións investiranse arredor de 160.000 euros para mellorar as instalacións do campo de fútbol do Milladoiro. A intención do Goberno municipal é de ir mellorando as instalacións deportivas do concello e ir adaptándoas á demanda que ano a ano medra en Ames.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, explica que “facer novos investimentos en instalacións deportivas é moi necesario. Temos un gran número de usuarios e usuarias das instalacións deportivas do Concello. Nesta caso realizar uns novos vestiarios permitirá mellorar as instalación do campo de fútbol do Milladoiro. Todas as melloras que se fagan nas instalacións deportivas existentes, así como os proxecto novos que se executen son moi necesarios, xa que hai unha alta demanda de instalacións por parte dos/as usuarios/as”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia:"Luz verde a los nuevos vestuarios para el campo de fútbol de O Milladoiro"

sinatura contrato vestiarios