- Tematica
Esta mañá a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e mailo delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitaron a Casa do Concello de Ames, onde foron recibidos polo alcalde, Blas García, a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, e por unha ampla representación dos concelleiros e concelleiras que forman parte do Goberno municipal e do grupo municipal popular. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade asinou co alcalde o convenio para a implantación da nova liña de autobús do servizo de interese municipal, entre a rúa Alcalde Lorenzo e a estación intermodal de Santiago, que discorrerá polas parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído. Outros temas que se abordaron foron a necesaria ampliación da EDAR de Sisalde e mailas incidencias detectadas na liña de transporte metropolitano Portomouro-Santiago e que presta servizo á veciñanza das parroquias de Piñeiro, Tapia, Ames e Covas. Por último, a conselleira asinou no libro de honra do Concello de Ames.
A Xunta e o Concello de Ames porán en marcha na segunda quincena de xuño o novo servizo de autobús entre as parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído con Santiago de Compostela, que se estima que poderían empregar uns 13.000 viaxeiros ao ano. Para elo, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou co alcalde, Blas García, o convenio que facilita a mobilidade dos veciños destas parroquias a través do reforzo do transporte interurbano da Xunta e dun servizo de interese municipal. O convenio asinado hoxe terá vixencia ata o 31 de maio de 2026 e poderá ser prorrogado por un ou varios períodos sucesivos, ata un máximo de 4 anos máis.
Este convenio, que foi aprobado previamente no pleno ordinario de abril por unanimidade, busca dar unha solución ás persoas usuarias da desaparecida liña de transporte urbano P2, pertencente ao Concello de Santiago e que transitaba polas parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído. Deste xeito, o trazado desta nova liña de interese municipal funcionará en ambos sentidos pola rúa Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns, para despois continuar por As Cortes, Ortoño (igrexa), Guimaráns, Outeiro, Quistiláns, Framil e Costoia, ata a estación intermodal de Santiago. O obxectivo é dar continuidade á prestación dun servizo que xa se viña realizando, e que sirva de ligazón coa rede de transporte público de viaxeiros xa existente. Contará cun investimento total do Concello de Ames de 220.812,96 euros.
O alcalde de Ames, Blas García, agradeceu a visita feita pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e polo delegado da Xunta na Coruña. “Teño que darche as gracias conselleira pola a boa disposición que tes co Concello de Ames. É importante que haxa unha boa relación institucional entre administracións e sobre todo entre a Xunta e mailos concellos porque somos as administracións que traballamos de forma conxunta máis a miúdo. O positivo é traballar de xeito conxunto para poder chegar a acordos como o que se acaba de asinar no día de hoxe”.
Segundo destacou Ethel Vázquez, este acordo é froito do traballo da Xunta para achegar solucións, da man do Concello de Ames, para facilitar a mobilidade dos veciños destas parroquias, afectadas pola supresión dos servizos de autobús urbano de Santiago. A conselleira explicou que estes novos servizos de transporte público parten dunha proposta alternativa trasladada pola Xunta ao Concello que se sustenta no incremento de frecuencias e na optimización dos servizos, cun menor custo para a Administración local, xa que se reduce a 1 os vehículos necesarios para a súa prestación.
Blas García engadiu “non entendo a política sen a colaboración institucional das diferentes administracións. Seguramente este traballo se plasme en moitos máis acordos porque o realmente importante é traballar polo interese e defensa das necesidade dos veciños e veciñas. Neste senso, alcanzamos un acordo para reformar o servizo de transporte, xa que para a veciñanza do concello de Ames é fundamental ter unha boa comunicación coa capital de Galicia no ámbito urbano e na zona rural”. Ademais, dixo que “dende o Goberno municipal continuase traballando, a través do Plan Impulsa Ames da EDUSI, para deseñar unha liña interior municipal que una os núcleos urbanos, pero tamén os diferentes lugares do ámbito rural, e serva para despois poder desprazarse a través do transporte metropolitano a Santiago de Compostela ou a outras localidades”.
Reforzo de frecuencias na liña interurbana
Así, co acordo selado hoxe, a Xunta asume un reforzo de frecuencias na liña interurbana que conecta as parroquias de Ortoño e Bugallido con Santiago, no marco da concesión de autobús interurbano que presta a Administración autonómica entre Extramundi de Arriba a Santiago. Máis en detalle, a Xunta incrementará 3 frecuencias de luns a venres: 1 de ida sentido Santiago e 2 de volta; aumenta tamén 4 expedicións os sábados e os festivos: con 2 novos servizos, tanto á ida como á volta; e os domingos incrementa 2 servizos: 1 de ida a Santiago e outro de volta ás parroquias de Ames. Tal e como apuntou Ethel Vázquez, estes servizos que se prestan co transporte interurbano da Xunta supoñen, a maiores dos que xa se introduciron en maio do pasado ano, máis de 16.000 km por vehículo ao ano.
Servizo de interese municipal
Por outra banda, mediante este convenio, o Concello de Ames comprométese a activar un servizo de interese municipal, que prestará servizo desde a rúa Alcalde Lorenzo ata a estación intermodal de Santiago, como complemento deses servizos que se prestarán desde a Xunta. Deste xeito, haberá 7 frecuencias de luns a sábado, con horarios que non se solapan coas frecuencias da liña interurbana de Extramundi de Arriba a Santiago da Xunta; e 6 frecuencias os domingos e festivos.
Cesión da avenida da Peregrina
A conselleira e mailo alcalde puxeron este acordo como exemplo da vontade de cooperación entre a Xunta e o Concello de Ames para ofrecer máis e mellores servizos aos veciños, unha cooperación entre ambas as dúas administracións que fixo posible tamén a sinatura doutro convenio a comezos do mes de abril, para acondicionar a avenida da Peregrina, en Bertamiráns.
Nese caso, trátase de mellorar o tramo da estrada autonómica AC-544, desde a intersección coa avenida da Maía cara adiante, ao longo de algo máis de 600 metros. Na intervención actuarase no firme nos dous carrís, nas beiravías e nas bandas de estacionamento e renovarase a sinalización, pintando vaos, zonas de carga e descarga, aparcadoiros ou pasos de peóns. Mediante este acordo, o Concello executa as obras, que financia integramente a Xunta, cun investimento autonómico de case 82.000 euros. O Concello de Ames comprométese, ademais, a aceptar a titularidade dese treito da AC-544, a totalidade da avenida da Peregrina.
Liña de transporte metropolitano Portomouro-Santiago
O alcalde tamén aproveitou esta visita para trasladarlle á conselleira as incidencias detectadas na liña de transporte metropolitano Portomouro-Santiago e que presta servizo á veciñanza das parroquias de Piñeiro, Tapia, Ames e Covas. Solicitouse o restablecemento da frecuencia de autobús das 13:15 horas da liña Portomouro-Santiago, xa que esta é a frecuencia máis empregada pola veciñanza destas parroquias.
Ademais, sobre a EDAR de Sisalde trasladóuselle a necesaria ampliación da depuradora. Sobre este asunto o rexedor municipal dixo “temos unha necesidade moi importante que é o proxecto da ampliación da depuradora de Sisalde. Para nós é moi importante porque afecta tanto ao concello de Ames como ao de Brión”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Los nuevos servicios de bus Ames-Santiago arrancarán en la segunda quincena"
El Correo Gallego: "Convenio para mejorar el transporte con el rural maiano en apenas dos semanas"
Enfoques: "El nuevo servicio de autobús Bertamiráns-Santiago empezará a funcionar la segunda quincena de junio"