[19-01-2011] O alcalde de Ames, Carlos Fernández, e a directora xeral da Fundación Meniños, Mónica Permuy López, asinaron a renovación do convenio de colaboración que ten subscrito o Concello con este organismo para desenvolver o programa "Responsable Solidaria" nos centros educativos do Concello. A este acto tamén asistiron as coordinadoras do departamento de Educación, Emilia Seara e Sanda Dios. Para a continuación do proxecto da fundación Meniños en Ames, a Administración local achegará 2.500 euros e o apoio do departamento de Educación e Servizos Complementarios. "Responsable Solidaria" contempla dúas actuacións: a proposta para educación infantil "Facendo Familias" e o portal web "O mundo de Milu".
O proxecto da Fundación Meniños busca mellorar as relacións no núcleo familiar por medio da participación activa dos nenos e nenas na convivencia no fogar e na súa educación. Ademais, o programa ten como obxectivo sensibilizar aos cativos e cativas na realidade das familias noutros lugares do mundo. Porén, Meniños tamén se abriu ao ciberespazo a través da súa web, na que hai un apartado específico para que os nenos aprendan, xoguen e participen no Mundo de Milu, o portal educativo da fundación que tamén está dirixido aos maiores e aos educadores.
O ámbito de actuación da fundación serán os centros educativos de Ames e tamén aquelas reunións de tempo libre que desenvolvan os máis pequenos. Estas actividades realízanse por medio de xogos, unidades didácticas, charlas e unha web. Todo protagonizado por Milu, unha nena apartada da súa familia que lles amosa aos nenos e nenas o seu mundo. A través destas actividades vanse debullando conceptos encamiñados a mellorar as relacións no núcleo familiar, a promover a actitude activa do neno na súa educación e convivencia e a sensibilizar aos cativos e cativas na realidade das familias noutros lugares do mundo.
Ofrecerase o programa a todos os centros educativos do Concello de Ames e, a todos aqueles que decidan participar, facilitaráselles o material preciso, así coma o asesoramento que demanden para a súa aplicación. Finalmente, realizarase un seguimento durante o curso, e pedirase un cuestionario de valoración ao remate do mesmo. Os centros educativos que se adscribiron de xeito voluntario ao programa no presente curso son a EEI da Igrexa, en Agrón, o CEIP Agro do Muíño, a EEI San Lourenzos e a EEI de Guimaráns-Bugallido. Os exemplares do material educativo distribuídos en todos os centros escolares de Galicia, levarán o logo do Concello de xeito visible, xunto ás demais entidades patrocinadoras.
Segundo este convenio a Administración local comprométese a achegar a contía de 2.500 euros para colaborar na presentación e difusión deste programa entre os colexios e as entidades de tempo libre e, por último, o desenvolvemento de todas estas actuacións no territorio de Ames.
Fundación Meniños
A Fundación Meniños é unha entidade de acción social sen ánimo de lucro especializada no ámbito da infancia e a adolescencia, que leva a cabo un traballo orientado a garantir o dereito a vivir en familia. Dende 1996, esta fundación infantil esfórzase para que cada un dos nenos e nenas que viven situacións de risco, abandono ou maltrato poidan exercer o seu dereito a crecer nunha familia. Neste sentido é importante o labor que desenvolve en colexios traballando cos máis pequenos e tamén coas entidades de tempo libre. Precisamente este é o obxecto do programa que desenvolverá a fundación nos centros de Ames gracias ao convenio que acaba de subscribir co Concello.
Na actualidade, Meniños, Fundación para a Infancia ten máis de 90 profesionais e arredor de 50 voluntarios traballando en programas de prevención e intervención repartidos polas sedes de Galicia, Asturias e Madrid. O seu obxectivo é conseguir que cada neno atope o afecto e a seguridade que só lle pode proporcionar un contorno familiar axeitado para o seu desenvolvemento como persoas.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "El Concello amiense renueva el apoyo a la Fundación Meniños"
La Voz de Galicia: "El Concello amiense renueva el apoyo a la Fundación Meniños"
El Correo Gallego: "Ames renueva su confianza en la Fundación Meniños"
El Correo Gallego: "Ames renueva su confianza en la Fundación Meniños"