A Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro organiza unha nova edición do seu certame fotográfico, co que colabora a Concellería de Promoción Económica do Concello de Ames. A temática do concurso xirará en torno á estética do parque e á actividade económica que alí se desenvolve. Valoraranse sobre todo aquelas fotografías que reflictan o traballo que realiza o equipo humano das empresas. Haberá unha categoría absoluta e outra xuvenil e infantil, e permitirase o envío dunha imaxe por participante, coa que se deben enviar o título da obra e os datos persoais do autor. A data límite para participar é o día 9 de decembro, e os gañadores daranse a coñecer nunha gala que se celebrará o día 21 de decembro na Casa da Cultura do Milladoiro.
O local da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro acolleu hoxe pola mañá a presentación da novena edición do Certame de fotografía comercial. A presentación correu a cargo do presidente da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, Javier Santos; do alcalde de Ames, Blas García; e da concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz. Tamén acudiron o secretario da asociación, Alberto Abeijón, e os vogais de dita entidade, Ramón Salgado e Francisco Villar, que estiveron acompañados por Alex Uzal, de Fílmate Estudos Fotográficos e Audiovisuais, que forma parte do xurado.
O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “a traxectoria deste certame, que chega a súa novena edición, demostra que é unha iniciativa consolidada. Durante estes nove anos xa se converteu nun referente para os afeccionados e profesionais da fotografía. O número de participantes nos últimos anos aumentou, así como tamén o fixo a calidade das fotografías. O parque empresarial Novo Milladoiro dispón de empresas que son referentes a nivel internacional e cun sector audiovisual moi potente. Ademais é un parque que segue medrando con novas infraestruturas. Este certame é un exemplo das sinerxias creadas entre a asociación, os empresarios do parque e mailo Concello”.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceulle á Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro “a organización deste certame porque permite darlle unha gran visibilidade ao parque empresarial Novo Milladoiro. Moita xente pensa que nun parque empresarial só hai grandes naves, pero en realidade o que hai son multitude de negocios e empresas que forman o tecido empresarial de Ames. Ademais este certame serve para que as persoas que participan coñezan máis a fondo as empresas que están no parque empresarial e así poder facer uso dos seus servizos”.
Dende a Asociación de Empresarios Novo Milladoiro destacan o éxito que tivo a iniciativa durante as pasadas edicións e o aumento gradual da calidade das imaxes participantes dende os inicios do proxecto. Ademais, indicaron que de cara a vindeira edición na que o certame cumpre dez anos están pensando en darlle un impulso con varias novidades.
O seu presidente, Javier Santos, animou aos participantes a que “realicen fotografías nas que se reflicta o equipo humano das empresas. O que realmente sostén a este parque empresarial son as persoas que traballan nas súas empresas, por iso nos últimos anos estanse valorando moito aquelas fotografías que mostran persoas realizando algún tipo de traballo ou prestando un servizo. Os participantes teñen que pedir permiso ás empresas para acceder as súas instalacións, pero se o fan, van ter as portas abertas para fotografía aquelo que máis lles guste ou lles chame a atención”.
O obxectivo é retratar instalacións e equipo humano
A través do concurso búscase compartir imaxes de calidade do parque empresarial do Novo Milladoiro para poñer en valor o peso empresarial e comercial da zona. As fotografías deberán crear unha estética das construcións eminentemente funcionais do parque empresarial, e permítese que sexan realizadas con calquera tipo de técnica e estilo, en cor ou en branco e negro, pero primando un enfoque comercial. As obras presentadas poden retratar tanto ás instalacións como o equipo humano, os produtos, os eventos ou calquera outra actividade que as empresas realicen.
Os participantes dividiranse en dúas categorías: xuvenil - infantil, na que poden participar os menores de 18 anos, e absoluta, reservada para os adultos maiores de 18 anos. Na categoría de adultos repartiranse 3 premios: o primeiro está dotado con 500 euros, o segundo con 400 e o terceiro con 300. Pola súa banda, na categoría infantil - xuvenil entregaranse vales para gastar en material de papelaría. O primeiro clasificado gañará un bono por valor de 75 euros, mentres que o segundo e o terceiro recibirán vales por importe de 50 e 40 euros, respectivamente.
Presentación de fotografías: do 10 de novembro ao 9 de decembro
O prazo para enviar as fotografías dá comezo hoxe 10 de novembro, e estenderase ata o día 9 de decembro. As bases do certame limitan as obras dos participantes a unha imaxe por persoa, que deberá ser enviada ao enderezo de correo electrónico: certamefotografico@aenovomilladoiro.com. É imprescindible que vaia acompañada dun título e dos datos do autor/a: nome e apelidos, data de nacemento, número de carné de identidade, dirección, correo electrónico e teléfono de contacto (preferiblemente móbil).
As fotografías deben ser inéditas e tratar sobre a actividade económica do parque empresarial do Milladoiro, sen saír dese término xeográfico, conseguindo captar os elementos máis dinámicos, representativos e identificables das empresas. Poderán ser alteradas dixitalmente, sempre e cando se detecte a simple vista a conexión clara co parque empresarial. Todos os arquivos serán en formato JPEG ou JPG e deberán estar en alta resolución.
Unha vez rematado o prazo para participar, as imaxes serán valoradas por un xurado composto por Javier Santos, presidente da Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro, Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica, Javier Antelo, concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural (profesional do audiovisual e do mundo da televisión), así como por dous profesionais do ámbito da fotografía: Alex Uzal, de Fílmate Estudos Fotográficos e Xoán A. Soler, fotoxornalista do xornal La Voz de Galicia. Os aspectos a valorar son a expresión artística e a calidade fotográfica: encadre, enfoque, luminosidade, creatividade, etc.
Gala de entrega de premios: 21 de decembro
O fallo farase público o xoves 21 de decembro ás 20.30 horas, nunha gala que se celebrará no salón de actos da Casa de Cultura do Milladoiro e que será aberta ao público. Dita gala estará presentada e amenizada polo actor, director, adaptador teatral e narrador de historias, Quico Cadaval. Todas as obras serán expostas na propia Casa da Cultura do Milladoiro do 20 de decembro de 2023 ate o 31 de xaneiro de 2024.
Novas relacionadas:
Ames Go: "Convocado o IX Certame de Fotografía Comercial Novo Milladoiro"