Solapas principales

A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí busca dúas familias de Ames que queiran acoller a nenos/as saharauí durante o verán

Sábado, 27 de abril de 2024

A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) puxo en marcha un ano máis o programa Vacacións en Paz, que permite a nenos/as saharauís ser acollidos por unha familia galega durante dous meses de verán. O Concello de Ames sufragará este ano a viaxe de 5 nenos e nenas que serán acollidos por familias amesás. Ademais, dende SOGAPS búscase a outras dúas familias de Ames que estean interesadas en acoller a un/unha neno/a durante o verán. O prazo para apuntarse nesta iniciativa estará aberto ata o 15 de maio.

Baixo o lema Historias que deixan pegada a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) comeza unha nova campaña do programa Vacacións en Paz para a acollida de infancia saharauí durante o verán deste ano.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, colabora un ano máis coa asociación de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) na campaña Vacacións en Paz 2024, un programa de acollida no que centos de nenos e nenas que viven en campos de refuxiados en Tindouf (Alxeria) pasan o verán en Galicia.

A iniciativa permite que os cativos e cativas escapen das altas temperaturas que se acadan durante o período estival no deserto saharauí, así como que pasen revisións médicas, aprendan galego e castelán e se evadan da súa realidade durante unhas semanas.

Este ano o Concello de Ames sufragará a viaxe de 5 nenos e nenas que serán acollidos por familias amesás. Os billetes de avión serán sufragados polo Concello, mentres que as propias familias serán as encargadas de cubrir as demais necesidades dos nenos/as mentres se atopen realizando a estancia. Ademais, terán dereito a asistencia sanitaria no SERGAS.

Búscanse dúas familias
Ademais, dende SOGAPS búscase a outras dúas familias de Ames que estea interesadas en acoller a un/unha neno/a durante o verán. Trátase dunha iniciativa solidaria de gran valor cultural, tanto para as crianzas como para as persoas que os acollen. O prazo para apuntarse nesta iniciativa estará aberto ata o 15 de maio.

Para inscribirse ou obter máis información pódese contactar con Esther Ybarra, delegada de SOGAPS na comarca de Compostela, a través do número de teléfono 609 76 49 45. Tamén se pode chamar á oficina de SOGAPS da provincia da Coruña, a través dos números 606 434 409 e 678 727 382.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Buscan dos familias en Ames para acoger a niños saharauis"

A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí busca dúas familias de Ames que queiran acoller a nenos/as saharauí durante o verán

Multimedia

  • A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí busca dúas familias de Ames que queiran acoller a nenos/as saharauí durante o verán