Solapas principales

A Aula AMTIC oferta novos cursos de formación para os meses de abril e maio

Martes, 01 de abril de 2025

A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro (AMTIC) oferta unha nova programación de cursos para abril e maio, con clases dirixidas tanto a adultos coma para menores. As temáticas destes cursos abranguen contidos moi amplos e útiles para o mundo dixital, no caso dos adultos, dende a aprendizaxe básica do teléfono móbil, as utilidades de internet na nosa vida diaria ata o uso das aplicacións de Writer e Calc de LibreOffice, e no caso dos menores, un uso de ferramentas do Scratch e Pixelart! ou tamén mecanografía. As persoas interesadas en participar nalgún dos cursos poden facelo enviando cuberta a ficha de inscrición ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@gmail.com, chamando a través do teléfono 674 594 843 ou achegándose ata a aula AMTIC do Milladoiro en horario de luns a venres de 10.00 a 12.30 horas e de 16.00 a 20.00 horas.

A Aula AMTIC do Milladoiro organiza novos cursos de formación para estes vindeiros meses de abril e maio, tres deles dirixidos para adultos e outros dous para menores. A primeira das formacións dirixidas a adultos é “Internet para a vida cotiá”, que se impartirá os vindeiros días 23, 24 e 30 de abril, en horario de 10.00 a 12.00 horas. Nestas sesións, os participantes poderán adquirir os fundamentos iniciais para navegar en internet de forma segura e eficiente, realizar trámites a través de internet ou aplicacións de lecer na rede.

Por outra banda, tamén se ofrece unha formación de uso do móbil para a vida cotiá, na que o alumnado poderá adquirir coñecementos para mellorar ou optimizar o uso deste dispositivo na súa rutina diaria, dende as funcións básicas que ofrece un móbil ata toda a oferta de aplicacións e trámites que podemos realizar a través del. A formación impartirase os días 14, 15, 21 e 22 de maio, en horario de 10.00 a 12.00 horas.

O último dos cursos planificados pola AMTIC neste inicio de primavera é unha formación das aplicacións de Writer e Calc do paquete de ofimática LibreOffice, que se impartirá os todos os mércores e xoves desde o 23 de abril ata o 22 de maio, en horario de 17.15 a 18.45 horas. Nesta formación, os participantes coñeceran ao longo destas sesións todas as posibilidades e ferramentas que ofrecen estas dúas aplicacións de ofimática para a elaboración de documentos de texto, no caso de Writer, e o cálculo e representación de datos, no caso de Calc.

Formacións para menores
Para os máis pequenos da casa, a aula AMTIC oferta dúas formacións. A primeira delas é un curso de mecanografía para os menores a partir de 10 anos. Na formación, o alumnado empregará diferentes programas dixitais para practicar esta habilidade e coller unha maior soltura á hora de escribir no ordenador. O curso impartirase todos os venres desde o 11 de abril ata o 23 de maio, en horario de 17.15 a 18.45.

Por outra banda, organizan para os días 14, 15 e 16 de abril (Semana Santa), unha formación con Scratch e PixelArt, en horario de 10.00 a 12.00 horas. Nestas sesións, dirixidas para nenos e nenas a partir de 7 anos, o alumnado adquirirá un primeiro contacto co mundo da programación, a través do uso de Scratch, e tamén da creación de arte dixital, neste caso coa aplicación PixelArt.

Inscrición
As persoas interesadas en participar en calquera dos cursos formativos da AMTIC para os meses de abril e maio, tanto adultos coma menores, poderán completar a súa inscrición enviando a ficha cuberta, que se pode descargar na seguinte ligazón, ao enderezo electrónico de informatica.milladoiro@gmail.com, de forma presencial na aula AMTIC do Milladoiro de luns a venres en horario de 10.00 a 12.30 e de 16.00 a 20.00 horas ou chamando ao número de teléfono 674 594 843.

Novas relacionadas:

AMSGO!: "A Aula AMTIC oferta novos cursos de formación para os meses de abril e maio"

A Aula AMTIC oferta novos cursos de formación para os meses de abril e maio

Multimedia

  • A Aula AMTIC oferta novos cursos de formación para os meses de abril e maio