Solapas principales

A aula CeMIT de Ames impartirá seis cursos de formación que se desenvolverán durante o último cuadrimestre do ano

Viernes, 06 de septiembre de 2024

Despois de estar pechada durante o mes de agosto a Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames anuncia a súa oferta formativa para o último cuadrimestre do ano 2024, que inclúe tres cursos para adultos e outros tres para menores de idade. Ademais dunha introdución á Administración electrónica, volven clásicos do mes de setembro como a iniciación á informática e á mecanografía, tanto para adultos como para os pequenos da casa. Así mesmo, tamén hai novidades con respecto ao COMDIX, do que se abriron dúas novas convocatorias.

Os cursos da aula CeMIT para este último terzo do ano abarcan tanto cursos para adultos como para menores de idade. Ademais dunha introdución á Administración electrónica volven clásicos do mes de setembro como a iniciación á informática e á mecanografía, tanto para adultos como para os pequenos da casa. Así mesmo, tamén hai novidades con respecto ao COMDIX, o certificado galego en competencias dixitais, do que se abriron as convocatorias de dúas edicións do nivel de iniciación.

Exame para a obtención do COMDIX
Co inicio do novo curso, a AMTEGA vén de convocar novas prazas para a obtención da nova Certificación Galega de Competencias Dixitais (COMDIX). Deste xeito, abríronse as coinvocatorias de dúas edicións do nivel de iniciación:
>>Outubro: incricións abertas ata o 18 de setembro.
>>Novembro: inscricións abertas ata o 18 de outubro.

O temario completo do exame está xa dispoñible para todo o mundo na plataforma de teleformación. Pódese acceder co usuario da rede CeMIT na sección de Cursos / Competencias Dixitais.

Para complementalo e facer máis accesible a formación, a Aula CeMIT vai  realizar un curso presencial previo a cada convocatoria. Cada unha das edicións conta cun centenar de convocatorias en toda Galicia, das cales 3 serán na aula CeMIT de Ames. Porén, só se pode solicitar unha praza por edición. Así, as inscricións pode realizarse o mércores 23 de outubro e o xoves 21 de novembro. No caso de ter superada a proba na edición de outubro, os aspirantres non entrarán no sorteo de novembro.

Para consultar calquera dúbida ou solicitar máis información pódese enviar un correo ao enderezo electrónico formacion-cemit@xunta.gal

Cursos para adultos
Ofértanse 14 prazas para cada curso de carácter presencial. Os alumnos poderán facer uso da aula aberta tanto antes coma despois para realizar practicas adicionais ou consultar dúbidas sobre calquera tema.

Introdución á Administración electrónica
Impartirase o luns 16, mércores 18 e venres 20 de setembro, de 10.00 a 12.00 horas. Trátase dun curso adicado á familiarización coa Administración electrónica. Aprenderase a manexarse con todo tipo de sistemas de identificación electrónica, dende o DNI electrónico ata os certificados dixitais, cl@ve e chave365. Verase como facernos con cada un deles e as súas vantaxes ou inconvenientes. Ademais tamén se fará un achegamento á Sede electrónica do Concello de Ames e da Xunta, servizos tan útiles coma É-Saúde ou Notifica.gal e apps como XuntaEu e Mi carpeta ciudadana.

Iniciación á Informática
Este curso impartirase o martes e xoves, de 10.00 a 12.00 horas, dende o 24 de setembro ata o 28 de novembro. É un curso de iniciación ao uso do ordenador dende o máis básico: aprenderanse conceptos coma o manexo do rato e teclado, acender e apagar os equipos de forma correcta, xestión do sistema operativo para crear documentos, traballar con eles e, sobre todo, perderlle o medo ao ordenador.

Mecanografía para adultos
Impartirase o mércores, de 10.00 a 12.00 horas, dende o 2 de outubro ata o 27 de novembro. Nunca somos demasiado maiores para aprender mecanografía se temos que empregar o teclado dun ordenador a miúdo. Neste curso aprenderase a sacarlle partido á plataforma online Typing para practicar tanto dende a aula como dende a casa, teñamos o nivel que teñamos.

Cursos para menores de idade
Cómpre lembrar que o menor debe estar rexistrado previamente na rede CeMIT para poder matricularse en calquera destes cursos. Pode facelo pasando pola aula ou a través da seguinte ligazón: https://aulascemit.xunta.es/usuarios/spring/usuarios

Informática para nenos/as - Nivel básico (de 7 a 10 anos)
Impartirase o martes, de 17.15 a 18.45 horas, dende o 17 de setembro ata o 10 de decembro. Trátase dun curso de iniciación á Informática no que os nenos e nenas de entre 7 e 10 anos aprenderán as bases do uso dun ordenador: rato, teclado, sistema operativo, xestión de documentos e cartafoles, acceso á rede para practicar con xogos educativos, introdución á escritura en LibreOffice Writer, etc.

Introdución á mecanografía (nenos/as entre 7 e 10 anos)
Este curso impartirase os xoves, de 17.00 a 18.00 horas, dende o 19 de setembro ata o 12 de decembro. É un curso idóneo para practicar mecanografía, sexa a primeira vez que se achega a este eido ou desexe continuar dende algún curso anterior. Empregarase unha plataforma online coa que o alumno poderá continuar a practicar en calquera momento dende a súa casa.

Introdución á mecanografía (rapaces/as entre 10 e 14 anos)
impartirase tamén os xoves, de 18.00 a 19.00 horas, dende o 19 de setembro ata o 12 de decembro. Trátase dun curso idóneo para practicar mecanografía, sexa a primeira vez que se achega a este eido ou desexe continuar dende algún curso anterior. Empregarase unha plataforma online coa que o alumno poderá continuar a practicar en calquera momento dende a súa casa.

A aula CeMIT de Ames impartirá seis cursos de formación que se desenvolverán durante o último cuadrimestre do ano

Multimedia

  • A aula CeMIT de Ames impartirá seis cursos de formación que se desenvolverán durante o último cuadrimestre do ano
  • A aula CeMIT de Ames impartirá seis cursos de formación que se desenvolverán durante o último cuadrimestre do ano