- Tematica
As instalacións da Aula CeMIT de Ames, situada no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns, pecha durante o mes de agosto por descanso do axente TIC que coordina e imparte as actividades formativas de dita Aula. Ademais, xa está elaborada a programación de cursos para o mes de setembro que inclúe varias novidades como un curso en familia e maila ampliación nos horarios de cursos para adultos. Para obter máis información ou para reservar praza en calquera das actividades de setembro, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web do CeMIT ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.
A principal novidade a partir do mes de setembro será a ampliación nos horarios de cursos para adultos, con dúas horas por sesión. Durante os meses de maio e xuño fixéronse algunhas probas neste ámbito e o resultado foi moi satisfactorio, polo que dende setembro as clases pola mañá serán de 10:30 a 12:30 horas e polas tardes de 18:00 a 20:00 horas.
Ademais estrearase unha nova modalidade de curso mixto, onde pais e nais poderán matricularse cos seus fillos e fillas para aprender xuntos/as. Esta nova iniciativa porase a funcionar no curso de programación en Scratch en familia. Neste caso concreto é un requisito fundamental que se apunte o adulto, non o menor. No caso de ser máis de dúas persoas (varios fillos/as ou pai e nai) hai que avisar por correo electrónico para poder adaptar o espazo da aula ás necesidades. Esta actividade desenvolverase o luns 9 de setembro, en horario de 9:30 a 13:30 horas.
O scratch é unha linguaxe de programación por bloques moi visual e adecuada para que os rapaces e rapazas comecen a usar a lóxica da informática na programación, dando pe a que logo afonden na robótica educativa e outras ramas máis avanzadas. Hoxe en día é moi habitual que proben con esta linguaxe no instituto, pero pode ser unha escusa perfecta para que pais, nais, fillos e fillas pasen un anaco do seu tempo aprendendo xuntos diante do ordenador.