Solapas principales

A Aula CeMIT despide o ano con obradoiros de Nadal dende a casa

Miércoles, 16 de diciembre de 2020

Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Ames, ten programados varios obradoiros para as datas de Nadal. Impartiranse dous cursos, dirixidos a nenos e nenas, de “Scratch”, un de introdución e outro de nivel medio, ambos de dous días. Esta aula formativa ten como obxectivo facilitar o acceso dos veciños e veciñas de Ames aos diferentes cursos que oferta, ademais dispón dun horario de Aula Aberta para que os interesados e interesadas poidan pasar a rexistrarte nas actividades, solicitar axuda ou outra clase de información, e usar os ordenadores. Por mor da Covid-19, os cursos programados realizaranse de xeito telemático.

A Aula CeMIT ten programados varios obradoiros para o período de Nadal. Nesta ocasión, e por mor da situación provocada pola Covid-19, os cursos realizaranse de xeito telemático para seguir en directo a través de YouTube. Polo tanto, só é necesario un dispositivo conectado á rede capaz de reproducir os vídeos de YouTube. Por tamaños de pantalla e facilidade de uso recoméndase un ordenador, pero pódese empregar unha táblet ou móbil (agás en casos nos que se especifica o contrario). Unhas horas antes do comezo de cada curso, as persoas inscritas recibirán por correo electrónico a información necesaria para acceder a cada sesión.

Deste xeito, durante a segunda quincena de decembro impartiranse dous cursos destinados a menores, de Scratch, un de introdución e outro de nivel medio, ambos de dous días de duración. O scratch é unha linguaxe de programación por bloques moi visual e adecuada para que os rapaces e rapazas comecen a usar a lóxica da informática na programación, dando pe a que logo se adentren na robótica educativa. Estes obradoiros de Nadal pódense seguir dende a casa ben sexa en solitario ou coa compañía da familia para aprender xuntos.

O obradoiro de introdución está orientado para nenos e nenas de 7 ou máis anos. Nel aprenderase as bases da interface de Scratch e farase un proxecto sinxelo, ideal para introducirse no mundo da programación. Dará comezo o martes 22 e rematará mércores 23 de decembro, cun horario de 10.30 a 12.00 horas. 

Por último, o curso de nivel medio de Scratch realizarase o martes 29 e o mércores 30 de decembro, de 10.30 a 12.00 horas. Neste taller asúmese que os alumnos xa están familiarizados coa base da interface de programación e practicarase con proxectos algo máis avanzados, ideais para rapaces e rapazas de 10 ou máis anos.

Trámites de inscrición

Para inscribirse nalgunha das actividades será preciso estar rexistrado de balde na rede CeMIT. Para máis información ou facer a reserva podes acceder á aula no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns ou poñerte en contacto a través do número teléfono: 682 373 753 ou do enderezo de correo electrónico: cemit.ames@xunta.gal

Horario de Aula Aberta

O horario de Aula Aberta é de luns a venres, de 9.30 a 13.30 horas. Para poder empregar os ordenadores durante a Aula Aberta hai que respectar as seguintes medidas de hixiene:

-Limpeza de mans antes de empregar calquera equipo.

-Uso obrigatorio de máscara hixiénica.

-Manter a distancia de seguridade de metro e medio.

Os 8 equipos dispoñibles están numerados e as súas distancias acoutadas, polo que é moi importante respectar as medidas en todo momento. Entre cada uso o responsable da aula fará a desinfección correspondente para garantir a seguridade dos/as seguintes usuarios/as. 

Cartel Aula Cemit.

Multimedia

  • Cartel Aula Cemit.