- Tematica
A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames oferta novos cursos formativos para os primeiros meses do 2025; tres para adultos e tres dirixidos á rapazada. Os contidos van dende a introdución máis básica ao mundo da informática ata mecanografía. Este ano volverán a impartirse de maneira presencial os cursos de ofimática para adultos. A inscrición para calquera dos cursos pode facerse chamando ao 682 373 753, escribindo un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal ou de xeito presencial nas instalacións da aula, no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns.
A aula CeMIT organiza novos cursos formativos para os primeiros meses do 2025, destacando a volta á presencialidade dos cursos de ofimática para adultos despois de 4 anos. Así mesmo, como vén sendo habitual, estará habilitada a aula para o seu uso libre e consulta de dúbidas, de luns a venres en horario de 9.05 a 12.55 horas e de luns a xoves pola tarde de 16.35 a 18.55 horas. Durante estas últimas semanas do ano, a aula estará aberta en horario de mañá, de 8.15 a 13.50 horas.
Cursos para adultos
Haberá tres cursos, de carácter presencial, dirixidos para adultos e ofertaranse 14 prazas para cada un. A primeira das formacións será “Iniciación a Internet”, que se desenvolverá do 7 de xaneiro ata o 6 de marzo, os martes e xoves, en horario de 10.00 a 12.00 horas. Os contidos abarcarán como usar o ordenador desde os pasos máis básicos e así comezar a traballar con eles.
Na mesma liña, ofertarase o curso “Busca de emprego a través de Internet!”, no que os participantes aprenderán os mellores recursos para atopar traballo a través da rede. Desenvolverase do 8 ao 15 de xaneiro, os luns e mércores, en horario de 17.15 a 18.45 horas.
A principal novidade nos cursos da aula CeMIT para este inicio de ano, é a volta á presencialidade nos cursos de ofimática despois de 4 anos. A formación irá do 20 de xaneiro ata o 26 de febreiro, os luns e mércores en horario de 17.15 a 18.45 horas. Os contidos que se traballarán neste primeiro curso do ciclo de ofimática serán para aprender a manexar o procesador de textos da suite de ofimática LibreOffice. Entre eles, atopamos inserción de diferentes elementos ou a configuración de cabeceiras, estilos, índices, entre outros. O seguinte curso de ofimática continuará coas follas de cálculo e presentacións.
Cursos para nenos e nenas
Na mesma liña, ofértanse tres cursos dirixidos para os menores de idade. Cómpre lembrar que para que os rapaces e rapazas poidan matricularse aos cursos da aula CeMIT, os menores deben de estar rexistrados previamente na rede CeMIT. Poderán facelo de forma presencial nas instalacións da aula ou a través desta ligazón.
O primeiro dos cursos estará dirixida aos menores de entre 9 e 14 anos e será de informática. Comezará o 14 de xaneiro e durará ata o 8 de abril, os martes en horario de 17.15 a 18.45 horas. Os rapaces adquirirán un nivel medio no uso da informática, no que aprenderán un uso avanzado da busca en Internet, así como manexo de procesador de textos ou edición de imaxes.
Por outra banda, ofertaranse dous cursos de mecanografía, un dirixido aos menores de 6 a 10 anos, e outro para os rapaces e rapazas de 10 a 14 anos. Ámbolos dous irán do 16 de xaneiro ao 10 de abril e os contidos que se impartirán axudarán aos nenos e nenas a practicar mecanografía cunha plataforma en liña, en todos os niveis.
Quedan prazas dispoñibles nos cursos para este Nadal
Dentro da programación de Nadal, a aula CeMIT oferta tres cursos para os menores de idade no que aprenderán a manexar o mundo da informática creando contidos relacionados co Nadal. Se estás interesado en apuntar a algún neno/a nesta actividade, aínda quedan algunhas prazas dispoñibles. A inscrición pódese facer chamando ao número 628 373 753, escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou de forma presencial nas instalacións da aula, no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns. Premendo nesta ligazón podes consultar os cursos de Nadal para nenos/as.