Solapas principales

A Aula CeMIT organiza tres cursos formativos para os meses de maio e xuño

Jueves, 27 de abril de 2023

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames continúa a súa oferta formativa durante os meses de maio e abril, con dous cursos para adultos e un curso dirixido á cativada. Os contidos impartidos abarcan aspectos como aprender a buscar na rede, a creación dun blog persoal ou os primeiros pasos cun ordenador. A inscrición aos cursos pódese facer chamando ao número de teléfono 682 373 753, escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou presencialmente, nas instalacións da aula (no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns).

A aula CeMIT xa está a planificar a formación para este verán, pero antes quixeron aproveitar para ofrecerlle á veciñanza unha nova oferta formativa, pensada para todo tipo de público. Haberá cursos para aprender a buscar na rede ou ben para crear un blog persoal onde falar de calquera cousa. Os máis pequenos terán un novo curso orientado a iniciarse no ordenador mentres se divirten. Ademais, continuarase ofrecendo o acceso libre á aula, que permanecerá aberta ao público de luns a venres, dende as 9:00 ata as 13:00 horas; e os martes e xoves tamén dende as 16:30 ata as 19:00 horas. Así mesmo, ofrécese atención telefónica e por correo electrónico os luns, mércores e venres, de 16:00 a 18:30 horas.

Cursos para adultos
Ofértanse dous cursos para adultos, un con carácter presencial, e outro online. O 29 de maio poñerase en marcha “Atopa na rede: busca avanzada en Internet!”, que se estenderá ata o 23 de xuño. Trátase dun curso no que os participantes aprenderán a buscar ben na rede achegándose a conceptos como que buscador se adapta mellor ao que precisamos, o uso de filtros ou a busca con Intelixencia Artificial. O curso terá lugar os luns, mércores e venres en horario de 10:00 a 12:00 horas. Ofértanse un total de 13 prazas.

Xa de maneira online impartirase o curso “Crea o teu blog persoal!”. O curso terá lugar entre o 5 de maio e o 28 de xuño. Poderase seguir a través de retransmisións de Youtube todos os luns e mércores, de 16:30 a 18:00 horas. Dende a Aula CeMIT enviarase por correo electrónico aos participantes a información necesaria para acceder a cada unha das sesións, así como un breve titorial para descargar e instalar os programas necesarios para o seguimento dos cursos.

“Crea o teu blog persoal!” é un curso centrado na creación dun blog persoal, comezando dende a configuración básica ata opcións de deseño máis avanzadas. Empregarase Blogger como plataforma de exemplo.

Cursos para menores de idade
Para os nenos e nenas ofrécese, o curso “Os meus primeiros pasos co ordenador”. Trátase dun taller de iniciación á Informática pensado para nenos de 5 a 7 anos. Terá lugar dende o 9 de maio ata o 8 xuño, de xeito presencial, os martes e xoves de 17:15 a 18:15 horas.

A cativada aprenderá a manexarse co ordenador mentres se divirte xogando. Este curso servirá como base para que poidan realizar novos cursos chegado o verán.

A inscrición aos cursos, tanto para adultos como para a rapazada, pódese facer chamando ao número de teléfono 682 373 753, escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou presencialmente, nas instalacións da aula (no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns). Os nenos e nenas deberán estar previamente rexistrados na rede CeMIT para participar neles. O rexistro pódese facer na propia aula ou de maneira online, accedendo a través desta ligazón.

Cartaz dos cursos da aula ceMIT

Multimedia

  • Cartaz dos cursos da aula ceMIT