- Tematica
A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Ames programou novos cursos telemáticos para os meses de xaneiro, febreiro e marzo dirixido a adultos. Esta aula formativa, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, ten como obxectivo facilitar o acceso dos veciños e veciñas de Ames aos diferentes cursos que oferta, ademais de dispor dun horario de Aula Aberta para que os interesados e interesadas poidan pasar a rexistrarte nas actividades, solicitar axuda ou outra clase de información, e usar os ordenadores.
Na programación do primeiro trimestre da Aula CeMIT incorpóranse catro cursos online para adultos. Comezarase o día 25 de xaneiro co de edición de imaxes con GIMP, de luns a xoves ata o 4 de febreiro, de 17.30 a 18.30 horas. Este programa é a solución ideal para achegarse á edición de imaxes, pois é o software libre e de balde de referencia cando se fala de alternativas a Photoshop. Sen embargo, tamén ten unha curva de aprendizaxe bastante pronunciada, polo que este curso será ideal para entender as súas bases e comezar a desenrolar a técnica.
Continuarase co curso de deseño vectorial con Inkscape. Este impartirase, tamén de luns a xoves, do 8 ao 18 de febreiro, de 17.30 a 18.30 horas. Nel explicarase como funcionanas bases para facer toda clase de traballos de este tipo como carteis ou logotipos (isotipos, se nos poñemos técnicos).
Dende o 22 ata o 26 de febreiro, de 17.30 a 19.00 horas, impartirase o curso de procesador de textos con LibreOffice Writer I. Trátase dunhas clases de introdución ó manexo do procesador de textos libre, alternativa ideal a Microsoft Word. Aprenderase sobre a súa interface, formato de carácter, parágrafo, inserción e formatado de imaxes, formas,táboas... todo pensado para achegar a ofimática ó público xeral, pero tamén para os que desexen presentarse ó exame CODIX.
O segundo nivel deste curso, procesador de textos con LibreOffice Writer II, comezará dende o 1 ata o 5 de marzo, de 17.30 a 19.00. Trátase dun curso de nivel medio no que se profundizará no uso do procesador de textos aprendendo a manexarnos con campos automáticos, cabeceira e rodapé, formato de páxina, FontWork, sinaturas dixitais...
Como anotarse e asistir virtualmente
Para poder inscribirse precísase un ordenador co software necesario (LibreOffice) e conectado á rede para poder seguir a retransmisión en directo dende YouTube. Estes cursos mesturan sesións explicativas con prácticas titorizadas para facilitar o aprendizaxe.
Para inscribirse nalgunha das actividades será preciso estar rexistrado de balde na rede CeMIT. Para máis información ou facer a reserva podes acceder á aula no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns ou poñerte en contacto a través do número teléfono: 682 373 753 ou do enderezo de correo electrónico: cemit.ames@xunta.gal
Unhas horas antes do comezo de cada curso recibiredes por correo electrónico a información necesaria para acceder a cada sesión.
Ao pé desta nova podes consultar todos os días e horarios de realización dos cursos, ademais das horas de Aula Aberta da aula CeMIT.
Horario de Aula Aberta
O horario de Aula Aberta é de luns a venres, de 9.30 a 13.30 horas. Para poder empregar os ordenadores durante a Aula Aberta hai que respectar as seguintes medidas de hixiene:
-Limpeza de mans antes de empregar calquera equipo.
-Uso obrigatorio de máscara hixiénica.
-Manter a distancia de seguridade de metro e medio.
Os 8 equipos dispoñibles están numerados e as súas distancias acotadas, polo que é moi importante respectar as medidas en todo momento. Entre cada uso o responsable da aula fará a desinfección correspondente para garantir a seguridade dos seguintes usuarios.