- Tematica
A Aula da Natureza de Ames comparte a súa oferta de propostas para este Nadal, co retorno do campamento urbano tras o éxito do ano pasado, rutas ambientais e obradoiros para todos os públicos. Para todas as actividades cómpre inscrición previa, enviando un correo ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal ou ben contactando a través do teléfono 660 004 665.
O itinerario programado para este último período do ano inclúe tres obradoiros, unha ruta ambiental e o prato forte, o campamento urbano de natureza, que volve ao calendario de actividades da Aula da Natureza tras a boa acollida da pasada edición. O campamento, pensado para rapazada dos 6 aos 16 anos, terá lugar entre os días 27 e 30 de decembro, con idas e voltas en autobús dende a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 10:30 e ás 18:00 horas, e dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 10:45 e ás 17:45 horas. Durante estas catro xornadas, realizaranse xogos colectivos e tradicionais, rutas polo entorno da Aula da Natureza e obradoiros varios, como de elaboración de cremas e de bioplásticos, seguimento de rastros de animais, cociña de Nadal, sementes de inverno ou mesmo de trenzado de cordas.
Non obstante, serán tres obradoiros os que inauguren esta programación, con propostas para todas as idades dende o 27 de novembro ata o 11 de decembro. Para as persoas a partir dos 16 anos ofértanse dous talleres de arte floral na Aula da Natureza, impartidos por Beate Méndez, de Florifarma a través da asociación ASVINOR, ambos das 17:00 ás 19:00 horas. O primeiro obradoiro, relacionado co adorno de portas, impartirase o 27 de novembro, mentres que o segundo, centrado na elaboración de ramos, terá lugar o 11 de decembro. Por outra banda, para a rapazada entre 6 e 14 anos, realizarase o 4 de decembro un taller con obxectos da natureza, enfocado á preparación dun Nadal sostible. A actividade, que se realizará pola mañá, terá autobuses de ida e volta dende a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 10:30 e ás 13:45 horas, e dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 10:45 e ás 13:30 horas.
A proposta que pechará o programa de Nadal será “Bosque de inverno”, unha ruta ambiental duns quince quilómetros entre Bertamiráns e o Alto do San Marcos programada para o 8 de xaneiro, das 9:00 ás 14:00 horas. O punto de encontro para a andaina, clasificada como de dificultade media, será a rúa Piqueiras de Bertamiráns, preto do parque infantil do paseo fluvial. Ademais, haberá un autobús dende a Casa da Cultura do Milladoiro, con saída ás 8:45 horas e regreso ás 14:15 horas, para que máis persoas se poidan sumar á ruta, indicada para todos os públicos. Durante a expedición, daranse explicacións sobre a parada vexetativa, os froitos do inverno e os usos tradicionais dos muíños de auga.
Novas relacionadas
AMSGO!: "Ames orienta o Nadal a todos os públicos na súa Aula da Natureza"