Solapas principales

A Aula da Natureza inicia cun obradoiro artesanal de xabón unha serie de actividades para facer durante o confinamento

Lunes, 20 de abril de 2020

Coa intención de facer máis levadeiro este período de confinamento, a Aula da Natureza do Concello de Ames irá publicando na páxina web municipal diferentes actividades para realizar na casa. Desta volta, proponse un obradoiro artesanal de xabón, co que as familias poderán elaborar os seus propios xabóns coñecendo as particularidades e gamas que ofrece a súa realización. Ao pé desta nova podes acceder ás instrucións e coñecer máis en profundidade as características desta primeira actividade para realizar no fogar. A elaboración do xabón correrá a cargo dun adulto, mentres que os nenos e nenas da casa poderán colaborar nunha segunda fase de acabado e ornamentación.

Unha das grandes vantaxes da elaboración artesanal de xabón é que deixamos a glicerina incorporada nel e isto achégalle hidratación ao xabón. A maioría dos xabóns elaborados industrialmente separan o xabón da glicerina para obter un dobre beneficio. Eses xabóns resecarán moito máis a pel que os feitos por nós se incorporan a glicerina.

Materiais
Para a elaboración de xabón artesanal non poden faltar diferentes materiais: luvas, lentes e máscara para traballar con seguridade; unha balanza de cociña o máis precisa posible; cazos e potas de aceiro inoxidable de suficiente capacidade para as cantidades de xabón que imos preparar; termómetros que teñen que chegar a 100 ºC (non son imprescindibles pero si recomendables xa que con eles axustamos mellor a temperatura); utensilios para remexer e mesturar, como culleres ou batedor; moldes (poden ser de silicona); e oitelos ou cortadores de xabón.

Ao remate desta nova podes acceder ás instruccións para a elaboración artesanal de xabón, ademáis de coñecer en profundidade as súas características e beneficios. É a primeira dunha serie de actividades que a Aula da Natureza achegará ás familias para a súa realización durante este período de confinamento. Para a responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, é fundamental que “entre todos e todas tentemos de facer máis levadeira esta situación. Desde a Aula da Natureza iremos incorporando diferentes actividades para que todas as familias podan desenvolver nas súas casas”.

xabón