- Tematica
A Aula da Natureza vén de presentar a programación de actividades para este outono. Durante os meses de setembro, outubro e novembro vai a realizar oito actividades sobre as conservas tradicionais de froitas e hortalizas, a limpeza simultánea de ríos promovida por ADEGA en toda Galicia, acampadas na Aula da Natureza, saídas para recoller cogomelos, obradoiro de tecido natural, a segunda edición da feira do monte “Tanto monte, monta tanto”, obradoiro de anacos de bosque: xoias con materias do monte, e unha observación dende o monte de San Marcos do ceo de inverno. Para inscribirse nas actividades de dita programación haberá un prazo de inscrición específico para cada unha delas. O período de inscrición abrirá 10 días antes aproximadamente da realización de cada actividade. Para inscribirse nestas actividades hai que enviar a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación da programación de outono da Aula da Natureza. O alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, e maila técnica responsable da Aula da Natureza do Concello de Ames, Patricia Reboreda, que foron os encargados de explicar cada unha das actividades que compoñen dita programación, que se vai desenvolver durante os meses de setembro, outubro e novembro.
A programación de outono da Aula da Natureza comeza os días 24 e 25 de setembro cun obradoiro para aprender a facer conservas tradicionais de froitas e hortalizas. Haberá tres sesións, sábado pola mañá de 10.30 a 13.30 horas; sábado pola tarde de 16.00 a 19.00 horas; e mailo domingo pola mañá, 10.30 a 13.30 horas. Esta actividade realizarase nas instalacións da Aula da Natureza. Haberá servizo de autobús para achegarse ata este lugar que sairá dende a Casa da Cultura do Milladoiro e dende o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Ofértanse 15 prazas. O prazo de inscrición está aberto dende o 16 ao 23 de setembro. Para participar é preciso inscribirse previamente enviando a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.
Segundo explicou a técnica responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, “estamos nun momento do ano con moitos excedentes de comida como son mazás, tomates, castañas, marmelo... e este é un xeito de animar á veciñanza a que aproveiten os excedentes destes produtos. Veremos tanto a base teórica da conservación de alimentos como a parte práctica elaborando conservas de salsa de tomate, pementos, doce de mazá, etc”.
A segunda actividade prevista é a limpeza simultánea de ríos promovida por ADEGA en toda Galicia. Será o domingo 25 de setembro. Deste xeito, o Concello de Ames participará novamente na iniciativa “Móllate polos ríos”. A actividade consiste na limpeza simultánea de lixo en distintos ríos e regatos de Galicia e neste caso de Ames. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o venres 23, ás 14.00 horas, enviando a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.
O alcalde de Ames, Blas García, destacou que esta programación está composta por actividades xa consolidadas, dirixidas a todos os públicos e coas que se busca a aprendizaxe pero tamén a concienciación. “O que buscamos con estas actividades é a formación e o coñecemento en algunhas materias pero tamén un activismo medioambiental. Nestes tempos que vivimos de contaminación, de cambio climático, etc eu creo que é importante que dende as administracións apostemos por ese activismo que vai dende a limpeza de ríos a outras coma o tecido de liño, pasando polas conservas que nos levan a aproveitar ese excedente de produto que temos nas hortas”. E engadiu “este ano seguimos programando actividades xa consolidadas, introducimos cousas novas e, ademais, facemos unha aposta importante pola Feira do Monte”.
Outono de cogomelos
Durante o mes de outubro realizaranse catro saídas para recoller cogomelos (os días 1 e 15 de outubro e dous días no mes de novembro que se anunciarán cando se abra o prazo de inscrición para esta actividade). Dúas faranse pola contorna do concello de Ames (unha por carballeiras próximas á localidade de Bertamiráns e outra por un bosque mixto próximo ao río Tambre). Ademais, está previsto, sempre tendo en conta a climatoloxía de outubro, facer outras dúas saídas por outras áreas fóra do concello para ter acceso a máis variedade de especies. Para estas saídas contarase coa axuda da guía Sira López.
Durante o mes de outubro tamén se realizarán as acampadas na Aula da Natureza. Debido á gran demanda que soen ter estas acampadas, nesta ocasión fanse en dúas fins de semana (a primeira será o 8 e 9 de outubro, mentres que a segunda terá lugar os días 15 e 16 de outubro). Estarán adicadas ao estudo dos mamíferos de Ames, realizando actividades de rastrexo diúrno e nocturno. Para iso o Concello está adquirindo varias cámaras de trampeo para facer o seguimento do rastrexo destes animais. A técnica responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, explica que “con estas acampadas comenza un estudo continuado deste interesante grupo de animais a cargo do grupo formado na Aula da Natureza”.
O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, destacou que “o programa está composto por un amplo abano de actividades, algunhas delas son repetidas ano tras ano debido á gran aceptación que teñen entre a veciñanza como é a de outono de cogomelos. Tamén temos actividades novas como é a de Anacos de Bosque para facer xoias con materias naturais e recuperamos antigas actividades como é o obradoiro de conservas, que un xeito de de aproveitar os excedentes dos produtos de horta”.
Ademais, engadiu “este ano tamén como novidade incluímos a actividade Ceo de inverno que está prevista para o 26 e novembro, aínda que para poder realizala vai depender da climatoloxía que teñamos nesas datas”. Manuel Lens tamén destacou a organización da segunda edición da feira Tanto monte, monta tanto, que se vai celebrar o 22 de outubro en Trasmonte e que contará con máis expositores que o ano pasado. “O obxectivo é visibilizar todas as posibilidades que ofrecen os nosos montes que son moitas”.
II Feira do monte
A parroquia de Trasmonte acollerá o 22 de outubro a segunda edición da Feira do Monte “Tanto monte, monte tanto”, un evento co que se pretende valorizar e difundir a importancia social, ambiental, cultural e económica do monte. Produtores e profesionais que traballan este eido congregaranse na xornada do sábado para dar a coñecer todo o que de si poden dar o monte cando se coidan. Este ano contarase cun maior número de expositores. Volverán a ter presenza sectores como a apicultura, cestería, cereais, aceites e cogomelos, pero ademais haberá un stand adicado ao proxecto de plantación do Concello de Ames, e outro da explotación de porco celta e horta ecolóxica da aldea modelo de Osmo, en Cenlle. Tamén se lle dará visibilidade ao aproveitamento de biomasa.
Actividades de novembro
No mes de novembro haberá tres actividades. A primeira será o obradoiro de Tecido natural que será os días 12 e 13. Son obradoiros para aprender a tecer con produtos naturais como son o algodón e mailo liño. Aprenderase a confeccionar colchas, manteis, tapices para as paredes, etc. Deste xeito, empregaranse fibras naturais sen tinguidos e produtos químicos.
A segunda actividade de novembro, prevista para os días 19 e 26 son os obradoiros de Anacos de bosque nos cales se realizarán xoias con materiais recollidos previamente polo monte. Os/as participantes dividiranse en tres grupos segundo a idade: nenos/as, mozos/as e adultos. Farase unha saída pola contorna da Aula da Natureza para recoller pequenos obxectos, areas, follas, liques... e despois montaranse inmersos en resinas.
A programación de outono está previsto que remate o sábado, 26 de novembro, cunha observación dende o monte de San Marcos do ceo de inverno. Esta observación súmase ás feitas en verán porque é unha actividade que esperta o interese da veciñanza e tamén porque o ceo en inverno tamén ofrece unha gran espectacularidade.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Conservas, salidas y limpieza en Ames con su Aula da Natureza"
La Voz de Galicia: "El Aula da Natureza de Ames programa talleres, Feira do Monte y limpieza de ríos"