- Tematica
A Aula da Natureza propón para o próximo sábado 28 maio unha excursión ao Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, situado en Ribeira. Alí realizarase unha ruta ornitolóxica, guiada por profesionais da ONG ambiental SEO/BirdLife, nunhas áreas húmidas de importancia internacional polo paso de aves que aniñan no ecosistema. Haberá servizo de autobús en Bertamiráns, dende o Pazo da Peregrina, con saída ás 10:00 e regreso ás 17:45 horas. Pola súa banda, dende a Casa da Cultura do Milladoiro a ida e a volta serán ás 10:15 e ás 17:30 horas. Para inscribirse, cómpre enviar esta ficha de inscrición ao correo auladanatureza@concellodeames.gal.
O próximo sábado continúan as actividades da Aula da Natureza cunha saída a Corrubedo, co fin de observar e coñecer a ampla diversidade de aves que habitan, aniñan ou pasan polas áreas húmidas do parque natural, o quinto en extensión dos seis parques naturais de Galicia, cunhas 996 hectáreas. O parque posúe a duna móbil máis grande do noroeste peninsular, e inclúe as lagoas de Vixán, de auga doce, e de Carregal, de auga salobre.
As zonas anegadas do parque natural forman unhas áreas húmidas de importancia internacional, polo paso de aves que aniñan no lugar. Deste xeito, a zona protexida é un lugar de gran interese para a observación destes animais, entre os que se atopan gaivotas, mergullóns, garzas, lavancos ou corvos mariños.
Para coñecer a fauna aviaria deste paraxe natural, as persoas que se despracen ata Corrubedo coa Aula da Natureza gozarán dunha visita guiada, levada a cabo por ornitólogos profesionais da ONG ambiental SEO/BirdLife. Durante a ruta, ofreceranse prismáticos e telescopios para observar mellor ás aves.
A actividade continúa coas propostas relacionadas coa ornitoloxía da Aula da Natureza, despois de que en marzo se celebrara un obradoiro de elaboración e colocación de caixas niño, que buscou dar a coñecer ás aves insectívoras, frecuentes en Ames e que empregan pequenos furados de troncos ou ramas de árbores vellas para resgardarse do frío, das chuvias e dos depredadores.
A proposta contará con servizo de autobús para achegarse ao parque natural dende os dous núcleos principais de Ames. En Bertamiráns, dende o Pazo da Peregrina, os autobuses sairán ás 10:00 e volverán ás 17:45 horas. Pola súa parte, dende a Casa da Cultura do Milladoiro, a ida e a volta terán lugar ás 10:15 e ás 17:30 horas. Para inscribirse, cómpre enviar esta ficha de inscrición ao correo auladanatureza@concellodeames.gal.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "A Aula da Natureza viaxa de Ames ata Corrubedo"