Solapas principales

A Aula da Natureza organiza un completo programa con saídas e cursos de micoloxía que comeza este sábado 12 de outubro

Miércoles, 09 de octubre de 2019

O Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, organiza varias actividades micolóxicas para os meses de outubro e novembro. Ademais de dúas saídas ao campo, o 12 de outubro e o 23 de novembro, este ano engádense á lista de actividades dispoñibles dous cursos para un maior coñecemento dos cogomelos e unha exposición de acceso libre na Praza do Concello.

Como dende fai varios outonos, volven as xornadas micolóxicas organizadas pola Aula da Natureza do Concello de Ames. Este ano, levaranse a cabo durante o mes de outubro e novembro dúas saídas ao campo e dous cursos de iniciación previa inscrición. Ademais, poderá desfrutarse dunha exposición de acceso libre na Praza do Concello. Todo isto, para que a veciñanza amesá poida coñecer con máis profundidade as peculiaridades destes fungos.

As saídas de campo
As actividades comezarán o 12 de outubro, cunha primeira saída ao campo, de 10.30 a 14.00 horas. Nesta primeira saída recorreranse zonas próximas a Bertamiráns, arredor de diferentes hábitats buscando diferentes especies de árbores,xa que dependendo de estas atoparanse tamén diferentes especies de cogomelos.

No mes de novembro realizase outra, o día 23, cun horario ampliado de 10.30 a 16.00 horas. Desta vez a zona percorrida será fóra de Ames, pero sempre dependendo das condicións meteorolóxicas do día.

Ambas serán guiadas pola experta Sira López, que lle axudará aos participantes no recoñecemento e identificación de cogomelos. Compre engadir que para participar en ambas actividades necesítase inscrición,xa que o número de prazas para cada saída limítase a 50. En canto o punto de encontro para a iniciación da ruta, este será a Praza do Concello.

Cursos de formación en cogomelos
En canto á novidade dos cursos de este ano, o primeiro deles será de iniciación nos cogomelos,incluíndo unha saída pola contorna. Terá lugar o 19 de outubro na Aula da Natureza (Quintáns, parroquia da Ameixenda), con horario partido de 11.00 a 14.00 horas pola mañá e de 16.00 a 19.00 horas pola tarde.

O segundo dos cursos realizará un maior afondamento, tratando o uso de claves, o cultivo e o cociñado dos cogomelos. Desenvolverase o 16 de novembro no mesmo horario partido que o anterior e tamén contará cunha saída.  As prazas para cada curso son limitadas, 30 para cada un previa inscrición.

Exposición micolóxica
As características e peculiaridades desta especie de fungos serán moito máis visuais o día 9 de novembro,  no que terá lugar unha exposición sobre eles na Praza do Concello. Unha cita accesible para todos os veciños xa que é de entrada libre,e se converte nunha entretida maneira de poder formarse na micoloxía.

As inscricións a calquera das actividades pode realizarse a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. Para máis información, non dubide en chamar ao 660 004 665.

Cartel Outono de Cogomelos

Multimedia

  • Cartel Outono de Cogomelos